As dotacións culturais da Xunta en Ourense conmemoran o Día do Libro con actividades a través da rede

A Consellería de Cultura e Turismo programa iniciativas arredor do 23 de abril que inclúen concursos, propostas e mesmo a edición dun libro colaborativo

Participan na celebración desta efeméride a Biblioteca Pública de Ourense, o Arquivo Provincial, o Museo Arqueolóxico e o Museo Etnolóxico de Ribadavia

As propostas enmárcanse na iniciativa #aculturasegue promovida polo Goberno autonómico en redes sociais con lecer e formación durante o confinamento
 

Ourense, 20 de abril de 2020

As dotacións culturais da Xunta de Galicia en Ourense celebran o Día do Libro cunha programación de actividades online abertas a toda a cidadanía co obxectivo de fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece, especialmente neste contexto de confinamento. As iniciativas postas en marcha pola Consellería de Cultura e Turismo abranguen desde concursos a través das redes sociais ata propostas de lectura ou a edición dun libro colaborativo.

Unha das dotacións que participa na celebración desta efeméride é a Biblioteca Pública de Ourense que está a impulsar accións a través das súas redes sociais. Os interesados dispoñen de recomendacións de libros por parte do seu persoal así como imaxes ou opinións sobre libros que están acompañando aos usuarios da biblioteca durante este período excepcional.

Certame de microrrelatos

A iniciativa da biblioteca pública súmase a posta en marcha polos museos que, con motivo desta data, van facer visible o seu patrimonio bibliográfico. No caso do Museo Arqueolóxico de Ourense está en marcha un concurso de microrrelatos que se fallará o propio Día do Libro e cuxo premio é un lote dos últimos 10 libros libros publicados polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Grupo Marcelo Macías. Ademais, o museo porá a disposición da cidadanía o catálogo da exposición Na procura do pasado, unha mostra pensada para render homenaxe a todos aqueles arqueólogos que fixeron posible reconstruir a nosa historia.

Tradición oral

O Museo Etnolóxico de Ribadavia, pola súa banda, está a levar a cabo a edición dun libro en liña colaborativo a través do concurso O mes de abril na tradición. Os participantes están xa a facer as súas achegas no Facebook do museo, onde comparten cantigas, refráns ou cancións no que o protagonista é o mes de abril. Ademais, este equipamento cultural porá á disposición da poboación unha exposición bibliográfica en liña de revistas, recursos e libros sobre cultura popular galega a través dun álbum homónimo no seu Facebook e nun taboleiro de Pinterest. Xa por último, o propio Día do Libro no seu blog porase a disposición de todos os interesados o catálogo da exposición Colección Abrente. Arte Galega no desafío cultural do 70. Trátase da última exposición que se inaugurou no Museo antes da declaración do estado de alarma que recolle o legado de Abrente, unha asociación cultural que desenvolveu en Ribadavia una intensa actividade cultural entre os anos 1969 e 1983.

‘Brookcrossing’ virtual

Cómpre destacar que as actividades postas en marcha polos museos xestionados pola Xunta en Ourense hai que engadir a actividade da Consellería de Cultura e Turismo na que todos os anos toman parte os museos xestionados pola Xunta que é a do bookcrossing, unha iniciativa conxunta con bibliotecas de museos e centros de arte de toda España que consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores, que despois farán o mesmo.

Aínda que as especiais circunstancias que afectan este ano á mobilidade por mor da pandemia non permiten este formato, nesta ocasión proponse un bookcrossing virtual, no que cada biblioteca ou centro participante compartirá en liña un libro da súa colección ou do seu catálogo de publicacións, para consultar ou descargar. Desde a Biblioteca do Artium de Vitoria elaborarán un vídeo con todas as bibliotecas participantes, que difundirán polas redes.

Paleografía

Os arquivos xestionados pola Xunta de Galicia tamén participarán nesta conmemoración. Neste sentido, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense conmemorará o Día do Libro divulgando a través das redes sociais o manual clásico da Paleografía hispana Escuela paleographica o de leer letras antiguas desde la entrada de los godos en España hasta nuestros tiempos, que se conserva na súa biblioteca e foi publicado en 1780 polo padre Andrés Merino. Está considerado como un dos mellores manuais de Paleografía que se publicaron en España durante o século XVIII e marcou un fito na súa época pola calidade de edición e a claridade das súas láminas.

Iniciativa #aculturasegue

Todas estas actividades inclúense na iniciativa #aculturasegue da Xunta, etiqueta baixo a que se presentan propostas pensadas para toda a familia nas redes sociais das súas dotacións culturais. Así mesmo, esta acción busca recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. Ademais de seguirse nas redes sociais, pode consultarse en cultura.gal/aculturasegue.