A Xunta anima ás empresas a seguir os pasos de Alcampo, última cadea de distribución en sumarse á rede "Mercaproximidade" para darlles saída aos produtos agroalimentarios galegos

Á iniciativa -que busca solucións ao peche da hostalaría e dos mercados municipais- xa se incorporaran Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski, El Corte Inglés, Carrefour, Lidl e Grupo Cuevas

A maiores das cadeas de distribución, a Consellería do Medio Rural intensifica os contactos para que colaboren tamén as empresas subministradoras de colectividades ou as plataformas de venda online

A medida completarase cunha campaña de concienciación para facerlle ver ao consumidor a importancia de apostar polo agro da comunidade

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2020

A Xunta anima ás empresas a seguir os pasos de Alcampo, a última cadea de distribución en sumarse á rede “Mercaproximidade” concibida para darlles saída aos produtos agroalimentarios galegos afectados polo peche da hostalaría e dos mercados municipais durante a situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.

Os centros de Alcampo en Galicia súmanse así a unha lista de empresas colaboradoras na que xa constaban Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski cos seus establecementos Eroski e Familia, Carrefour, El Corte Inglés e Grupo Cuevas, cos seus supermercados Plenus. Con todo, a iniciativa segue aberta e a Consellería do Medio Rural intensifica os contactos para que sigan sumándose a ela non só as cadeas de distribución, senón tamén as empresas que subministran a colectividades ou as plataformas de venda online.

No marco da rede “Mercaproximidade”, estas empresas comprométense a adquirir durante o estado da alarma os produtos agroalimentarios que actualmente non poden comprarse nas feiras locais nin consumirse nos restaurantes ou establecementos de hostalaría. Con esta acción, comprométense ademais a impulsar a venda destas producións, que se distribuirán debidamente identificadas, para que o consumidor saiba non só da súa orixe senón tamén da súa calidade diferenciada.

Os produtos que poden beneficiarse desta vía alternativa de comercialización son, entre outros, as froitas, as hortalizas, a carne de vacún, porcino, ovino ou caprino, así como os produtos lácteos ou apícolas. Non só os produtores poden acollerse á iniciativa senón tamén as industrias transformadoras, sempre que acrediten que un mínimo do 50 % dos seus ingresos proceden das canles comerciais pechadas na actualidade.

Para concienciar á cidadanía da importancia de seleccionar estes produtos na súa cesta da compra, a Consellería lanzará unha campaña de sensibilización dirixida ao consumidor final, visible tanto nos establecementos como nos medios de comunicación. O obxectivo último é contribuír ao mantemento das explotacións agrogandeiras galegas para garantir o futuro do rural da comunidade.

Imaxes relacionadas