A bolsa de contratación de auxiliares de Policía Local da Xunta permitiu cubrir xa preto de 100 prazas en 36 concellos galegos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta maña una reunión cos representantes do corpo da Policía Local galega

Alfonso Rueda lembrou que a Academia axilizou este sistema para ofrecer aos municipios galegos a posibilidade de reforzar o seu persoal de auxiliares de policía local durante o estado de alarma polo coronavirus

Ademais, no marco de colaboración cos concellos galegos, Rueda avanzou que o Goberno galego seguirá enviando material de protección, do que tamen fai uso a policía local
 

A Estrada, 18 de abril de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que a bolsa de contratación de auxiliares da Policía Local da Xunta permitiu cubrir xa preto de 100 prazas en 36 concellos galegos, unha vez a Academia Galega de Seguridade Publica axilizara ao máximo este sistema co obxectivo de que todos os municipios galegos poideran cubrir de forma urxente as prazas que precisen durante o Estado de Alarma.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá dende a sede do CIAE 112, unha xuntanza con diferentes mandos da policía local galega, nos que se atopaban o presidente e o secretario de Axempol, e os xefes e inspectores de Ferrol, Lugo, A Coruña e Pontevedra, onde resaltou “o labor dos 2.000 axentes nesta pandemia, sempre na primeira liña de batalla e que dende o principio están amosando a súa profesionalidade e levando a cabo tarefas fundamentais”

Alfonso Rueda indicou que “ata o momento, 36 concellos solicitaron acceder a esta bolsa de contratacións de auxiliares de policía local composta por 130 persoas, o que permitiu cubrir xa un total preto de 100 prazas ante a actual situación de crise sanitaria”. Dos concellos que pediron facer uso desta listaxe, 5 deles non teñen centralizados na Academia os seus procesos selectivos de policías locais e auxiliares. Trátase de Ares, As Pontes, Arteixo, Baiona e Burela, aos que se lle pemitiu acceder á bolsa de contratación durante o estado de alarma, inda que non teñan convenio de colaboracion asinado coa Agasp.

A Administración autonómica puxo a disposición de todos os concellos galegos esta bolsa de contratación para facilitar a cobertura de prazas de auxiliares de Policía Local das entidades locais que poidan precisar cubrilas durante o Estado de Alarma polo coronavirus.

Nesta mesma liña, Alfonso Rueda indicou que “a maiores e para reforzar a atención durante o estado de alarma, os 134 alumnos da 12ª promoción de policías locais da AGASP foron enviados desde o pasado 16 de marzo aos seus concellos de destino”. Os alumnos permanecerán nestes municipios ata que remate o estado de alarma e se reinicie a actividade lectiva. Por este motivo, a Academia, seguindo as instrucións das autoridades sanitarias, suspendeu as clases o pasado 13 de marzo e decidiu adiantar a parte práctica da formación.

Entrega material aos concellos


Alfonso Rueda, indicou que dende o 19 de marzo, a Xunta puxo en marcha un operativo de reparto de diferente material de protección, en colaboración coa Fegamp, coa que tamén se pactaron os criterios de distribución, en base a datos obxectivos que teñan en conta a poboación, o número de casos positivos, o número de efectivos de Policía, o número de voluntarios de Protección Civil, e o número de horas do servizo de axuda no fogar.
A día de hoxe, o material xa chegou aos 313 concellos galegos. En concreto, achegáronse máis de 717.000 luvas, mais de medio millón de máscaras, máis de 4.500 botes de xel hidroalcohólico, uns 16.000 traxes, 16.000 batas, máis de 500 garrafas de desinfectante, e 4.300 unidades de lixivia.

Con esta medida, o Goberno galego pretende dotar do equipamento necesario ás entidades locais para que o persoal dos servizos municipais involucrados na loita contra a expansión do Covid-19 conten co material de protección que precisan.

Imaxes relacionadas