A Xunta adxudica a instalación de iluminación na estrada PO-331 ao seu paso pola parroquia de Zamáns, no Concello de Vigo

Estes traballos comezarán nas vindeiras semanas e dispoñen dun investimento autonómico de preto de 27.000 euros

Trátase da instalación de columna de 9 metros de altura con luminarias LED, cunha separación entre elas de 30 metros de distancia, coa correspondente canalización de cableado existente na senda executada na marxe dereita desta vía

Con este nova actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta complétase a obra de mellora da seguridade viaria para peóns realizadas nesta vía, tras a execución das beirarrúas dende Zamáns a Fonte do Seixo

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a instalación de iluminación na estrada PO-331 ao seu paso pola parroquia de Zamáns, no concello de Vigo.
Este contrato, cun investimento autonómico de preto de 27.000 euros, foi adxudicado á empresa Montajes Eléctricos Salnés. As obras prevén comezaranse nas vindeiras semanas.
Trátase de dotar de iluminación á estrada de titularidade autonómica, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 9 +430 e 9 +680, mediante a disposición de luminarias LED na marxe dereita da vía.
Os traballos iniciaranse coa conexión da canalización existente no tramo estudado á rede de iluminación no tramo previo. Para iso prevese a execución dunha gabia para canalización de iluminación que cruce baixo a calzada existente.
De seguido realizarase a instalación de columna de 9 metros de altura con luminarias LED, cunha separación entre elas de 30 metros de distancia, e instalación de cableado en canalización existente ao longo da senda.
Con esta nova actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta complétase a obra de mellora da seguridade viaria para peóns executada nunha primeira fase coa execución de beirarrúa nesta mesma estrada, dende Zamáns a Fonte do Seixo. Nesta obra executouse a instalación da canalización necesaria para a futura instalación de iluminación que agora se materializa.