Economía e Turismo avalían co sector turístico medidas específicas que faciliten o mantemento do tecido empresarial

Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuníronse co Clúster Turismo de Galicia para analizar a situación actual e traballar no escenario de saída da crise sanitaria

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiveron hoxe unha videoconferencia cos representantes do Clúster Turismo de Galicia, encabezado polo seu presidente, Cesáreo Pardal, para avaliar as necesidades do sector como consecuencia da crise sanitaria do coronavirus. Trátase dun encontro enmarcado na rolda de contactos posta en marcha pola Xunta de Galicia para avanzar de xeito conxunto no deseño de medidas, coñecendo de primeira man as súas achegas.

No transcurso desta xuntanza avaliáronse as principais demandas do sector tanto no curto como a medio e longo prazo, tendo en conta que o escenario de saída do estado de alarma, que deberán concretar as autoridades sanitarias, poderá condicionar a súa actividade. Por iso, abordáronse iniciativas centradas no mantemento empresarial, o contexto laboral, a disposición de liquidez ou a aposta por medidas de transición dixital.

O titular de Cultura e Turismo explicou que o Goberno autonómico xa traballa nun plan de reactivación dotado con 25 millóns de euros para o conxunto do seu departamento co obxectivo de priorizar o emprego e o mantemento do tecido empresarial dun sector que resulta estratéxico para a nosa Comunidade. De feito, o turismo representa o 11% do emprego xerado en Galicia e supón máis dun 10% do seu Produto Interior Bruto (PIB).

Nesa liña, referiuse tamén ao plan de seguridade sanitaria avanzado esta semana, que buscará xerar confianza no sector e dar as máximas garantías tanto aos usuarios como aos propios traballadores. Do mesmo xeito, sinalou a importancia de aproveitar o Xacobeo 2021 como un elemento de reactivación económica pola súa especial incidencia no turismo.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, trasladou ao Clúster Turismo de Galicia que as empresas deste sector –un dos máis afectados pola crise do Covid-19– poden acceder ás liñas de financiamento postas en marcha pola Xunta, como a de préstamos que mobilizará 250 millóns de euros para cubrir gastos esenciais como facturas, salarios ou alugueres. Tamén se adoptaron medidas de suspensión de prazos para a presentación de certos impostos e aprazamento das cotas de amortización e xuros dos préstamos formalizados coa Xunta.

Ademais, lembrou que o Goberno galego ten activadas varias canles para que os autónomos e pemes poidan estar informados e resolver todas as dúbidas que teñan con respecto ás distintas medidas económicas postas en marcha como o teléfono gratuíto da Liña Empresas (900 815 600), a web https://ceei.xunta.gal/coronavirus, ou a aplicación para móbiles Gohu.

Imaxes relacionadas