Nunha semana de xuntanzas virtuais coas federacións deportivas galegas de atletismo, automobilismo, fútbol e vela

A Xunta de Galicia recorda ás federacións deportivas que "a actividade non poderá reiniciarse ata que existan garantías absolutas de seguridade e hixiene"

Barállase a posibilidade de que a actividade 6-16 poida ser retomada cara ao último trimestre do ano, en función da evolución da situación

Valoraranse medidas do Plan Marshall deportivo, moitas delas xa avanzadas pola Xunta, para actuar en consonancia coas demais comunidades autónomas

Trabállase na elaboración dun calendario alternativo para o automobilismo galego, no suposto de que se poidan manter os rallys, e analízase a posibilidade de que os campionatos de vela poidan ter lugar cara a finais de ano

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2020

A Secretaría Xeral para o Deporte continúa coa súa serie de encontros virtuais con todo o tecido deportivo galego para estudar as diferentes medidas a tomar para minimizar os prexuízos da declaración do estado de alarma por mor do coronavirus no eido deportivo. Esta semana foi a quenda das federacións deportivas galegas de atletismo na xornada do martes, fútbol na xornada do mércores, vela na xornada do xoves e automobilismo no día de hoxe.

Nestas reunións, federacións e Xunta analizaron o estado do convenio de colaboración asinado entre os dous entes para realizar na súa integridade a totalidade das actuacións, actividades, funcións e tarefas que, conforme a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, asumen as federacións deportivas en réxime de exclusividade. Do mesmo xeito, estudáronse as posibilidades de resolver as competicións que quedaron suspendidas polo coronavirus ou o xeito de retomar a actividade deportiva con todas as garantías de seguridade. A todos os responsables, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, trasladoulles que “a actividade non poderá reiniciarse ata que existan garantías absolutas de seguridade e hixiene e non se poidan producir contaxios”.

No caso da Real Federación Galega de Fútbol, barallouse a posibilidade de que a actividade 6-16 poida ser retomada cara ao último trimestre do ano, en función da evolución da situación. Con todo, a través da póliza do seguro deportivo que sufraga integramente a Xunta de Galicia, garántese a cobertura actual dos deportistas que estean en período de curación, operación ou rehabilitación.

Ademais, como presidente da Unión de Federacións Deportivas de Galicia (Ufedega), Rafael Louzán e Lete Lasa analizaron o Plan Marshall para o deporte que a plataforma de Unión de Federaciones presentou ao Consejo Superior de Deportes (CSD), destacando que moitas das medidas propostas xa foran avanzadas desde a Xunta de Galicia. De todos os xeitos, a Secretaría Xeral para o Deporte valorará algunhas destas medidas en consonancia coa realidade concreta doutras comunidades autónomas. Cómpre salientar que o CSD aínda non deu resposta sobre a comunicación enviada o pasado 30 de marzo na que se solicitaba información sobre as decisións adoptadas respecto das competicións deportivas oficiais de ámbito estatal nas distintas modalidades.

Federación Galega de Automobilismo

No día de hoxe, o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral, e o secretario xeral analizaron as posibilidades de modificar o calendario do campionato galego, sempre en consonancia coa realidade de cada momento e de acordo cos organizadores dos rallys, as escudarías.

Deste xeito, ambas entidades acordaron traballar na elaboración dun calendario alternativo, no suposto de que se poidan manter os rallys, así como realizar actuacións para minorar as cargas das escudarías como dereitos de participación, cronometraxes ou desprazamentos.

Federación Galega de Atletismo

Por outra banda, a Federación Galega de Atletismo no nome do seu presidente, Isidoro Hornillos, informou á Secretaría Xeral do persoal que ten en nómina e que segue a desempeñar as súas funcións tras a aplicación dun ERTE parcial, así como do estado das súas contas nas que se mantén a importante achega da Administración autonómica. Ambas entidades formularon a posibilidade de retomar a actividade 6-16 cara ao último trimestre do ano.

Real Federación Galega de Vela

No que atinxe á Real Federación Galega de Vela, o secretario xeral felicitou ao presidente da federación, Manuel Villaverde, polo bo estado das contas e analizouse a posibilidade de que os campionatos nacionais que foron suspendidos poidan ser levados a cabo, sempre que a situación así o permita, así como as competicións internacionais para aqueles deportistas galegos clasificados no último trimestre do ano.

O enderezo electrónico para as consultas estritamente deportivas como consecuencia da situación de COVID-19 segue funcionado a pleno rendemento para clubs e federacións (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal).

Imaxes relacionadas