Medio Ambiente avanza na tramitación do proxecto sectorial da Área Científica Tecnolóxica da ETEA en Vigo, que inicia a súa información pública

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución polo que se somete a información pública, por un período dun mes, o Proxecto Sectorial PS-2, en desenvolvemento do Plan Sectorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar na ETEA

Este ámbito de máis de 16.000 m² acollerá a nova sede do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM– CSIC), que na actualidade se atopa no barrio de Bouzas, e a Unidade Tecnolóxica Mariña, situada no Berbés

Neste sector atópanse os edificios denominados: Hertz, Luís Jener, Aulas e Exposicións, Ampere, Vivenda do Axudante Maior, Churruca, Gauss e Kelvin

Tal e como recolle o proxecto, mellorarase a conexión do ámbito e a favorecerase ao mobilidade peonil; ao tempo que se actualizará a rede de saneamento e se procurará a integración paisaxística

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza un novo paso na tramitación do Proxecto Sectorial (PS-2) da Área Científica Tecnolóxica da ETEA en Vigo, que inicia o período de información pública.

O Plan Sectorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA contempla o seu desenvolvemento a través de varios proxectos sectoriais, entre os que se atopa o PS-2, que hoxe –coa publicación no Diario Oficial de Galicia da súa Resolución e tras rematar a tramitación ambiental- comeza a súa información pública por un período dun mes. Paralelamente, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo dará audiencia ao Concello de Vigo e solicitará os informes sectoriais perceptivos.

Cómpre lembrar que o PS-2 está promovido pola Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a maior institución pública dedicada á investigación de España e abarca os edificios Hertz, Luís Jener, Aulas e Exposicións, Ampere, Vivenda do Axudante Maior, Churruca, Gauss e Kelvin. En todo caso, tamén se terá en conta o mantemento do valor patrimonial e ambiental do conxunto edificatorio, incidindo nas fachadas que dan fronte á vía e á fronte marítima.

Así, este ámbito de máis de 16.000 m² -que en tempos pasados acolleu a antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA), instalarase a nova sede do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM– CSIC), que se atopa situado actualmente no barrio de Bouzas, e a Unidade Tecnolóxica Mariña, situada no Berbés.

Apóstase por unha integración paisaxística do ámbito, modulando as alturas das edificacións e a súa relación volumétrica, para mellorar tanto a visión local como a de conxunto dende o mar, poñendo en valor a fronte costeira de Vigo no tramo da ETEA. O proxecto tamén establece unha mellora da rede de saneamento existente, que na actualidade é de tipo unitaria e pasará a ser de tipo separativa mellorando os servizos da zona.

Mellorar a conexión e a mobilidade

Este proxecto xerará unha inercia que empuxe a outras institucións investigadoras a dar o paso para instalarse na ETEA e, consecuentemente, consolidar en Vigo un campus de investigación mariña de referencia internacional.

Neste sentido, unha das cuestións ás que se da resposta neste proxecto é mellora da conexión do ámbito do PS-2 coa contorna. Na actualidade, hai un camiño de terra invadido pola vexetación, que se pretende recuperar e urbanizar para conectar con viais para vehículos de motor o ámbito co vial principal.

En relación coa mobilidade peonil, conservaranse varias conexións na actuación; ao tempo que se intentará favorecer dando continuidade aos recorridos exteriores complementarios como o Sendeiro azul da senda litoral e o do Monte da Guía de Teis.

En definitiva, a implantación do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA é unha oportunidade para Vigo e en particular, para o barrio de Teis, non só para converterse nun referente no que a investigación mariña se refire; senón tamén para converterse nun exemplo de rexeneración urbana, ao reverter o estado de illamento ao que estaba sometida esta parte da cidade.