A Xunta permite conxelar a carne da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega mentres dure a emerxencia sanitaria

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que modifica, de xeito temporal, o prego de condicións técnicas deste selo de calidade

En todo caso, estas pezas de carne poderán comercializarse baixo a protección da IXP só ata o vindeiro 31 de decembro de 2020

Ademais, estas pezas deberán cumprir os requisitos aplicables á comercialización de carne conxelada de vacún, especialmente no relativo á información ao consumidor e á data de consumo preferente
 

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se modifica, de xeito temporal, o prego de condicións técnicas da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. Deste xeito, e mentres dure o estado de alarma e/ou medidas similares decretadas en España que provoquen restricións na comercialización da carne de vacún como consecuencia do coronavirus, a carne deste selo de calidade poderá someterse a procesos de conxelación.

Trátase dunha modificación solicitada polo propio Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas da Carne de Vacún de Galicia, que xestiona a IXP Ternera Gallega, ante a forte incidencia da epidemia na saída deste produto de calidade. Unha medida excepcional que a propia normativa europea permite ante medidas sanitarias ou fitosanitarias obrigatorias impostas polas autoridades públicas.

Así, cabe sinalar que as medidas de prevención sanitaria decretadas polo Goberno de España supoñen grandes restricións aos movementos das persoas, así como a suspensión das actividades de hostalaría e restauración. Estas restricións están afectando notablemente ao sector da carne de vacún en xeral e á Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega en particular, xa que comercializa unha boa parte da súa produción nos establecementos agora pechados.

De aí a necesidade de modificar o prego de condicións e permitir que a carne desta IXP poida someterse a procesos de conxelación. En todo caso, estas pezas poderán comercializarse baixo a protección da IXP só ata o vindeiro 31 de decembro de 2020 e deberán cumprir os requisitos aplicables á comercialización de carne conxelada de vacún. Neste senso, deberá quedar clara a información ao consumidor sobre o proceso de conxelación e a data de consumo preferente.

Enlace á orde completa:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200417/AnuncioG0426-150420-0001_gl.html
 

Imaxes relacionadas