Os emprendedores que participan na quinta edición do coworking de Celanova-A Limia reciben a formación de xeito telemático

A aceleradora, promovida pola Xunta e a Escola de Organización Industrial (EOI), continúa a súa actividade de asesoramento e titorías de novas iniciativas empresariais

Está a impulsar 20 proxectos en eidos diversos como a agroalimentación, a artesanía sostible e a revalorización dos recursos do territorio e os servizos culturais e de lecer

Celanova (Ourense), 16 de abril de 2020

A quinta edición do espazo coworking de Celanova-A Limia, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), continúa a desenvolver a súa actividade no actual contexto de confinamento activado pola emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19. Así, as 20 iniciativas de emprendemento que se están a acelerar para a súa próxima posta en marcha continúan a recibir formación, asesoramento e titoría á medida das súas necesidades de xeito telemático.

Na edición actual da aceleradora con sede en Celanova, que comezou o pasado mes de febreiro, participan 21 emprendedores, 11 mulleres e 10 homes, con novas iniciativas empresariais que abranguen sectores produtivos variados como a agroalimentación, a artesanía sostible e a revalorización dos recursos do territorio; a moda especializada; e os servizos culturais, deportivos e de lecer, entre outros.

Nas catro edicións anteriores deste espazo coworking recibiron formación e asesoramento un total de 109 emprendedores para desenvolver 101 iniciativas empresariais, das que máis da metade -57- están xa en funcionamento, con 76 postos de traballo asociados.

O resto de espazos da rede impulsada pola Xunta, que nesta edición conta con tres novas aceleradoras, tamén continúa as súas actividades de xeito telemático. Os novos espazos abertos nesta convocatoria son o do Ribeiro, situado no concello ourensán de Cenlle, que promove a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular; a aceleradora de Palas de Rei (Lugo), que se centra no Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea; e o espazo do Morrazo, que iniciou a súa primeira edición na sede de Moaña o pasado 26 de febreiro.

Estas novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Mariña luguesa (con sede en Mondoñedo); a Ribeira Sacra (en Monforte de Lemos); A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños); Santiago de Compostela; e Ferrolterra (con sede en Ferrol), O Salnés (Vilanova de Arousa); ademais da de Celanova-Terras da Limia.

A rede de espazos coworking promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica e que leva impulsados máis de 1000 iniciativas de emprendemento. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.