A Xunta retoma as obras de construción do primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia no barrio da Residencia

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explica que os traballos nesta fase consisten basicamente na demolicións de estruturas interiores

Transcorrido o período de suspensión das actividades non esenciais, reiniciáronse os labores coas debidas medidas de seguridade, como utilizar mascarillas e gardar as distancias de seguridade

Lugo, 16 de abril de 2020

A Xunta de Galicia reiniciou as obras de reforma do antigo Hospital Materno Infantil para albergar o primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia, unha vez transcorrido o período de suspensión das actividades non esenciais.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos comezaran apenas un mes antes da suspensión, coa desmontaxe de elementos inservibles, polo que aínda están na primeira fase de demolición de estruturas interiores. O proxecto conta cun orzamento de 12 millóns de euros e o prazo de execución previsto é de 20 meses.

Dende o pasado martes os operarios continúan cos labores de derrubo de tabiques e retirada de escombros e outro material, se ben extremaron as medidas de precaución como o uso de mascarillas e o respecto das distancias de seguridade.

As obras desenvólvense sobre unha superficie de máis de 8.000 m2 distribuída en seis plantas, que acollerán o centro de saúde, servizo de PAC e urxencias, área para Saúde Mental e unha base para o 061.

A intervención servirá tamén para reordenar os accesos ao centro sanitario, conectando o edificio coa cidade, o que suporá unha notable transformación urbanística do barrio da Residencia que se completará coas outras iniciativas en marcha: a nova residencia da terceira idade -que se levantará sobre parte do espazo deixado polo vello Hospital Xeral-, a oficina de emprego, un centro de emprendemento e unha central de biomasa para subministrar enerxía ao complexo.

Imaxes relacionadas