A Xunta agradece a incorporación de Lidl ao acordo para impulsar a compra e o consumo de produtos do agro galego durante a emerxencia sanitaria

Esta empresa súmase así á iniciativa xunto con Gadisa, Froiz, Vegalsa-Eroski, El Corte Inglés, Carrefour e Grupo Cuevas

O conselleiro do Medio Rural puxo en valor este compromiso a prol do sector primario galego nunha situación complicada para dar saída a estas producións de calidade a causa da crise provocada polo coronavirus

José González insistiu ademais en que este acordo segue aberto a todas aquelas cadeas que desexen adherirse
 

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou hoxe a incorporación de LIDL ao acordo acadado pola Xunta con diferentes cadeas de distribución que traballan en Galicia para impulsar a compra e fomentar o consumo de produtos agroalimentarios galegos.

O conselleiro agradeceu a esta empresa a súa implicación na iniciativa, sumándose así a Vegalsa-Eroski, Gadisa, Froiz, Carrefour, El Corte Inglés e Grupo Cuevas. Insistiu ademais en que a posibilidade de adherirse ao acordo segue aberta a todas aquelas cadeas e animou ás empresas que subministran a colectividades e ás plataformas de venda online a sumarse a ela.

A Consellería ten así o compromiso destas distribuidoras de traballar xuntos para facilitar a saída ao mercado das producións galegas de calidade nun momento de dificultade provocado tras o peche da hostalaría e dos mercados municipais por mor da emerxencia sanitaria.

Así, estas empresas comprométense a adquirir estes produtos agroalimentarios durante o estado da alarma para apoiar o sector primario da comunidade. A maiores, a Consellería lanzará unha campaña de comunicación e sensibilización dirixida ao consumidor final, para conciencialo de que coa súa compra pode axudar aos agricultores e gandeiros galegos para garantir o futuro do noso rural.

Todo este labor -remarcou o conselleiro- enmárcase na rede “Mercaproximidade”, unha canle alternativa de comercialización creada pola Xunta e concibida para os produtos agrogandeiros galegos que viron reducidas as súas vendas por mor da actual situación.