O conselleiro do Medio Rural mantivo esta mañá un encontro por videoconferencia co presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega)

A Xunta anima ás empresas subministradoras de colectividades e ás plataformas online a sumarse á rede “Mercaproximidade” para impulsar a venda dos produtos agroalimentarios galegos

José González explicoulle que dende a Consellería se están a intensificar os contactos para que os produtos afectados polo peche da hostalaría e dos mercados locais se poidan distribuír en cada vez máis establecementos

Os agricultores, gandeiros e industrias transformadoras de produtos agroalimentarios galegos poden solicitar dende hoxe mesmo a súa adhesión á rede, para paliar as perdas ocasionadas pola crise do coronavirus

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia co presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), Francisco López, no marco da rolda de contactos que está a levar a cabo para comprobar como está afectando a situación de emerxencia sanitaria aos distintos sectores agroalimentarios da comunidade. No encontro, o titular de Medio Rural explicoulle que dende a Consellería se están a intensificar os contactos para que os produtos afectados polo peche da hostalaría e dos mercados locais se poidan distribuír en cada vez máis establecementos.

Nesa liña, o conselleiro animou ás grandes cadeas de distribución con presenza en Galicia, ás empresas que subministran a colectividades e ás plataformas de venda online a sumarse á rede “Mercaproximidade”, adquirindo produtos agroalimentarios galegos como os que contan con certificación ecolóxica para impulsar a súa compra por parte do consumidor.

A maiores, José González lembrou que dende hoxe mesmo os agricultores, gandeiros e industrias transformadoras de produtos agroalimentarios galegos poden solicitar a súa adhesión como provedores da rede “Mercaproximidade”, enviando os seus datos e tipo de produción ao enderezo electrónico mercaproximidade@xunta.gal. Ademais de estaren rexistrados como explotación ou industria agraria, os interesados deberán facer constar nunha declaración responsable que un mínimo do 50 % dos seus ingresos proveñen da hostalaría e os mercados municipais, pechados na actualidade.

Para reforzar a iniciativa, a Consellería do Medio Rural porá en marcha unha campaña de sensibilización dirixida ao consumidor final, que se fará visible tanto nos establecementos de alimentación como nos medios de comunicación. O obxectivo é concienciar da importancia de consumir produtos de proximidade, non só pola súa calidade senón tamén para recoñecer o papel fundamental do agro galego á hora de garantir o abastecemento de alimentos durante o estado de alarma.

A finalidade última é frear a perda de ingresos dos agricultores e gandeiros da comunidade e apoiar a continuidade das súas explotacións nun momento clave para o seu futuro, para que poidan permanecer como elementos dinamizadores do rural.

Imaxes relacionadas