A Xunta activa a nova liña de axudas para apoiar a fabricación inmediata de medios de protección ante o COVID-19

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta iniciativa que permitirá a reorganización produtiva urxente das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria

O Goberno galego destina 2,5 millóns de euros para impulsar a produción na Comunidade de material sanitario, equipos de protección individual, probas de diagnose, ventiladores e desinfectantes, e os proxectos serán avaliados polo Comité de fabricación de equipamento sanitario
 

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2020

A Xunta activa, mediante a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), a nova liña de axudas destinada a impulsar a reorganización produtiva urxente das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria. A partir de mañá, as pemes galegas poderán solicitar o novo programa, dotado con 2,5 millóns de euros e cofinanciado a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, co obxectivo de facilitar as transformacións necesarias para que leven a cabo a fabricación inmediata de material de protección.

As axudas, de ata 100.000 euros, cubrirán o 75% dos investimentos e gastos que realicen as empresas para adaptar a súa produción á fabricación dos seguintes materiais: téxtiles sanitarios, equipos de protección individual (máscaras, cortinas, traxes, gorros, luvas e pantallas de protección persoal), kits e consumibles de diagnose, alcoles e desinfectantes sanitarios, dispositivos de intervención ou tratamento, ventiladores e as súas compoñentes, elementos para a desinfección e outros equipamentos necesarios para a prevención e loita contra o Covid-19 ou o tratamento da enfermidade. A concesión dos apoios, xestionados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, realizarase mediante o sistema de concorrencia non competitiva e en réxime de minimis.

Os proxectos que opten aos apoios terán que propoñer a subministración dunha primeira remesa de produtos antes do 30 de xuño e ser validados polo Comité de fabricación de equipamento sanitario, posto en marcha pola Xunta para coordinar a fabricación en Galicia de equipos de protección individual (EPI) e outros produtos necesarios co obxectivo de contribuír a paliar a insuficiencia de medios de seguridade. A iniciativa súmase á plataforma Marketplace COVID-19, enmarcada dentro do Comité de fabricación para xestionar a oferta e a demanda de subministración de equipamentos. Con ela, automatízase a xestión dos recursos materiais de xeito sistemático coa garantía de que as propostas achegadas polas empresas teñan a calidade esixida. A partir da supervisión da Xunta, o Marketplace posibilitará que o sector público acade as ofertas que precisa mentres os produtores xestionan directamente os acordos de compra e venda.

Imaxes relacionadas