A Xunta agradece a suma de novas cadeas de distribución ao acordo para impulsar a compra e o consumo de produtos agroalimentarios galegos na emerxencia sanitaria

O conselleiro do Medio Rural valorou este compromiso a prol do sector primario galego nun momento de dificultades para dar saída a estas producións de calidade a causa da crise provocada polo coronavirus

José González lembrou ademais que esta iniciativa segue aberta a todas aquelas cadeas que desexen sumarse a ela
 

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2020

O acordo acadado pola Consellería do Medio Rural con diferentes cadeas de distribución que operan en Galicia para impulsar a compra e fomentar o consumo de produtos agroalimentarios galegos está a rexistrar novas incorporacións. Así, nas últimas horas manifestou o seu desexo de sumarse a esta iniciativa o Grupo Cuevas. Cabe lembrar que esta iniciativa segue aberta a todas aquelas cadeas que desexen sumarse a ela.

Estas empresas intégranse así xunto con outras, como Vegalsa-Eroski, Gadisa, Froiz, Carrefour e El Corte Inglés, coas que a Xunta acadou o compromiso de traballar xuntos para facilitar a saída ao mercado das producións galegas de calidade nun momento de dificultade provocado tras o peche da hostalaría e dos mercados municipais por mor da emerxencia sanitaria.

O titular de Medio Rural, José González, agradeceu a estas distribuidoras a súa implicación na iniciativa, que -lembrou- ten como principal obxectivo o de propiciar novas vías de comercialización aos produtores agroalimentarios da comunidade que están tendo dificultades para chegar ao mercado ao quedaren pechadas as súas canles de venda habituais durante a crise do coronavirus.

En particular, os máis afectados son os produtores/as de froitas e hortalizas, os pequenos elaboradores/as artesanais de queixos e outros produtos lácteos, os produtores/as de mel e produtos apícolas, o sector vitivinícola, os gandeiros/as de vacún, porcino, avícola, ovino e cabrún, así como os de razas autóctonas, fundamentalmente de porco celta.

Apoio ao sector primario

Para dar saída a estas producións agroalimentarias galegas, a Consellería do Medio Rural buscou a colaboración das grandes cadeas de distribución que operan en Galicia. Así, estas empresas comprométense a adquirir estes produtos agroalimentarios durante o estado da alarma para apoiar o sector primario da comunidade. A maiores, a Consellería lanzará unha campaña de comunicación e sensibilización dirixida ao consumidor final, para conciencialo de que coa súa compra pode axudar aos agricultores e gandeiros galegos para garantir o futuro do noso rural.

José González lembrou ademais que o DOG publica hoxe, precisamente, unha Orde de Medio Rural pola que se crea a rede “Mercaproximidade”, unha canle alternativa de comercialización posta en marcha pola Xunta e concibida para os produtos agrogandeiros galegos que viron reducidas as súas vendas por mor da actual situación.
 

Departamento:
C. do Medio Rural