Medio Ambiente consultará co Issga definir un criterio propio para garantir a seguridade dos traballadores de recollida e tratamento de residuos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explica que a falta de concreción da instrución ministerial publicada no BOE provocou certa confusión e controversia entre os operarios deste colectivo

Ángeles Vázquez mantivo esta mañá unha videoconferencia con representantes da Asociación Profesional de Empresas Medioambientais (Aproema)
 

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda consultará ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) o criterio técnico que garanta a seguridade dos traballadores de recollida e tratamento de residuos durante a crise sanitaria do Covid-19.

A conselleira de Medio Ambiente avanzou este compromiso aos representantes da Asociación Profesional de Empresas Medioambientais (Aproema), cos que mantivo unha reunión a través dunha videoconferencia para abordar a xestión dos residuos no actual contexto de estado de alarma; para que este ente -dependente da Xunta de Galicia- propoña un criterio propio que ofreza tranquilidade e seguridade a todos os operarios ante as dificultades que se atopan os traballadores de recollida do lixo, tanto polos temores por manipular bolsas con este tipo de residuos sanitarios, coma pola falta de equipos de protección individual (EPIs).

Recordou que as instrucións publicadas polo Ministerio de Sanidade no Boletín Oficial do Estado provocaron moita confusión e controversia no sector, debido á falta de concreción, pero sobre todo porque deixaron a criterio das autoridades competentes a xestión dos residuos.

Tanto os representantes de Aproema, como os responsables da Consellería de Medio Ambiente, coinciden na necesidade de que o Estado publique un ditame conciso e concreto sobre o usos dos EPIs, así como da correspondente xestión e clasificación no momento en que este material se converte nun residuo.

Os representantes de Aproema indicaron que á reactivación da actividade industrial e non esencial provocará unha produción de mascarillas e guantes xeralizada, que tras o seu uso se converterá nun refugallo. Compre lembrar que os EPIs (sobre todo, as mascarillas e guantes) son considerados un residuo non perigoso; polo que naqueles sectores con baixa probabilidade de exposición deben seguir considerándose como tales. En todo caso, por extremar as precaucións, poderíase establecer un tratamento intermedio que consistiría no almacenamento previo (cun tempo de retención de 72 horas como mínimo), antes da súa eliminación e prohibindo calquera tipo de valorización intermedia manual.

Ángeles Vázquez agradeceu a colaboración e interese dos membros de Aproema para abordar outra das consecuencias da pandemia do coronavirus, como é a elevada produción dunha tipoloxía de residuos, que noutras circunstancias, sería testimonial; así como unha eficiente xestión destes refugallos para evitar outra complicación nesta crise santitaria.
 

Imaxes relacionadas