A Xunta coordina coa industria naval as medidas a seguir para velar pola seguridade e a saúde dos traballadores

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes do Clúster Naval Galego (Aclunaga) no que destacou que a prioridade na reactivación da actividade é a protección do persoal

Conde, que tamén se reuniu co Clúster da Lousa, sinala que dentro das medidas económicas activadas pola Xunta mañá se convocan as axudas por 2,5M€ para que as empresas poidan readaptarse e fabricar material sanitario e medios de protección fronte ao COVID-19

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro con representantes do Clúster Naval Galego (Aclunaga) no que os informou das recomendacións a seguir en materia de seguridade para seguir coordinados no obxectivo común de velar pola saúde dos traballadores.

A reunión de hoxe forma parte do contacto permanente que mantén a Xunta cos axentes económicos e sociais. Esta semana de volta á actividade industrial estanse a celebrar diferentes encontros telemáticos cos clústers empresariais e outras entidades, co obxectivo de coñecer como están sendo estes primeiros días de volta ao traballo e, sobre todo, saber cales son as súas necesidades, especialmente, no relativo a equipos de protección individual para así buscar unha solución conxunta.

Tal e como lembrou Conde, a prioridade son as persoas, a seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras. Por iso, a Xunta elaborou, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), a Guía de Recomendacións Preventivas de Saúde Laboral, que contou coa colaboración dos propios clústers. Trátase dunha guía con versións específicas por sectores, que recolle recomendacións básicas que deben ter en conta as empresas no momento de reiniciar a súa actividade, centradas en aspectos como os desprazamentos, a utilización dos equipos de protección, a organización do persoal e as distancias de seguridade ou a reciclaxe de residuos.

Neste sentido, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou o compromiso de Aclunaga neste ámbito, apuntando que a guía de prevención está actuando como elemento que dota de confianza tanto ás empresas como aos propios traballadores.

Outro dos asuntos que se lles está a plantexar aos diferentes sectores produtivos son as medidas económicas a curto prazo que se levan posto en marcha. Entre elas, Conde comunicou que mañá sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas por 2,5 millóns de euros para aquelas empresas que estean readaptando a súa infraestrutura para fabricar material sanitario e medios de protección fronte ao COVID-19.

Poderán optar ata a 100.000 euros para cubrir o 75% dos gastos ou os investimentos que teñan que facer, incentivando a fabricación de téxtiles sanitarios, equipos de protección individual, kits de diagnose, alcoles e desinfectantes sanitarios, dispositivos de intervención ou tratamento, etc.

Estas axudas súmanse á liña de financiamento para pemes e autónomos que recolle préstamos de ata 200.000 euros bonificados pola Xunta para cubrir os pagos de facturas, salarios, alugueiros ou impostos, entre outros. Tal e como apuntou Francisco Conde, estes programas ampliaranse con máis apoios para o medio e longo prazo, co obxectivo de preparar o camiño da recuperación.

Imaxes relacionadas