O Centro Demostrador TIC da Amtega ten previstas seis sesións formativas en streaming para pemes e autónomos ata finais de abril

Desde a entrada en vigor do estado de alarma celebráronse cinco xornadas online, que rexistraron récords de participación

Teletraballo, ciberseguridade, privacidade ou marketing son algúns dos temas que se abordarán nas seguintes sesións

A participación nas sesións é de balde, previa inscrición na páxina web ou na app do CDTIC

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2020

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) continúa a súa actividade divulgativa e formativa para pemes e autónomos con diversas actividades en streaming, que nestes días están rexistrar notables incrementos de participación. Con estas sesións, en colaboración con diversos axentes tecnolóxicos da Comunidade e que teñen o formato #DemosXweb, búscase fomentar o teletraballo e tratar diversos aspectos de utilidade á hora de adoptar esta modalidade de traballo na casa.

Para as vindeiras semanas de confinamento, o CDTIC ten máis actividades por streaming programadas, todas de balde, e nas que animan a participar, coma sempre, mediante inscrición na súa web  ou a través da aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS.

Para esta mesma semana están programadas unha sesión sobre comercio electrónico para hoxe, día 14, que impartirá Hacce; outra de fomento do teletraballo con Microsoft Teams, mañá, día 15, a cargo de Captology; e, por último, unha sobre recomendacións de ciberseguridade e privacidade para o xoves 16 da man da consultora APDTIC. Todas elas están previstas en horario de 10:00 a 10:45.

Ademais, desde o CDTIC xa se está a traballar para ofrecer, ao longo do mes, máis sesións por streaming para axudar durante o período de confinamento: unha sesión de xestión documental con Docuten para o 22; outra de ciberseguridade con Computer-3, o día 23; e outra de marketing automático o 29.

Cinco actividades con récords de participación

Desde a entrada en vigor do estado de alarma celebráronse cinco actividades que tiveron unha grande acollida e nas que se bateron récords de inscrición neste tipo de demostracións por streaming.

En todas elas destacou a elevada participación das persoas que seguiron a sesión e a interacción con elas, que se traduciu na formulación de numerosas preguntas polo chat que foron atendidas no momento, coma se se tratase dunha sesión presencial, por parte dos relatores. Para quen non puido seguir en directo estes seminarios, na web do CDTIC están dispoñibles para a súa visualización na ligazón: https://cdtic.xunta.gal/en-diferido.

A última destas sesións antes da Semana Santa foi “Mellora a túa comunicación corporativa con Rocket.Chat”, retransmitida o 8 de abril e impartida por Queres Tecnologías.

Un día antes, o 7 de abril, Christian Delgado falou do uso de WhatsApp na empresa e no comercio, unha sesión na que se afondou no emprego profesional ou mesmo comercial e as boas prácticas desta rede social e na que se alcanzou unha participación récord.

Por outra banda, organizáronse tres sesións dedicadas a temas relacionados co teletraballo: Anubía Anubía Soluciones en la Nube impartiu, o día 3 de abril, o seminario “Xestión de proxectos integrada en OdooERP teletraballando”; o 2 de abril, Sistemius abordou os aspectos legais do teletraballo; e o 24 marzo foi a quenda da empresa Dotcom Factory con “Teletraballo simple e xa con G-Suite de Google”.

Emerxencia sanitaria COVID19

A emerxencia sanitaria do coronavirus forzou a moitas empresas a recorrer ao teletraballo. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a través do CDTIC, quere servir de guía para favorecer esta modalidade de traballo publicando, cada día, un post sobre diferentes ferramentas que poden ser de utilidade a todas as persoas que, na actualidade, están recorrendo a esta práctica.

Podes acceder a todas estas publicacións a través da seguinte ligazón: https://cdtic.xunta.gal/node/9138.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

Imaxes relacionadas