Feijóo mantén un encontro cos galegos do exterior a través de videoconferencia para seguir a súa situación durante a pandemia do coronavirus

O titular do Executivo galego estivo acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e, desde Bos Aires, o delegado da Xunta na Arxentina e O Uruguai, Alejandro López Dobarro

A reunión tiña como obxectivo actualizar a información que a Xunta recibe periodicamente sobre os galegos de países como A Arxentina, O Uruguai, Venezuela, Cuba, O Brasil, Alemaña, Suíza, Portugal e comunidades autónomas como Andalucía, Castela e León, Cataluña e a Comunidade Valenciana
 

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2020

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo esta tarde un encontro cos galegos do exterior a través dunha videoconferencia que presidiu desde o seu despacho de San Caetano, acompañado do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e na que participaron os membros da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas. A reunión, que busca dar continuidade ao contacto permanente que o Executivo galego mantén cos galegos que residen fóra da comunidade autónoma, serviu ademais para actualizar as necesidades dos representantes dos galegos dos países con maior presenza galega durante a actual crise do coronavirus.
O presidente da Xunta lembrou aos representantes da Comisión Delegada, o órgano permanente da emigración que representa a todos os galegos do exterior, que a Administración autonómica está a axilizar as axudas de carácter social co obxectivo de que estean dispoñibles o antes posible para os galegos con menos recursos que residen fóra das nosas fronteiras. Así mesmo, o Goberno galego mantén abertas as diferentes liñas de axuda que a Secretaría Xeral da Emigración convoca cada ano para os centros galegos do exterior, e que se está “a traballar para adaptalos, se fose necesario, ás novas necesidades que presenten”. “Os vosos centros son a nosa cultura no exterior, as nosas costumes e os nosos valores e, como tal, temos que preservalos e coidalos”, salientou.


Agrupados por territorio


Feijóo aproveitou a ocasión para lanzar unha mensaxe especial para dous dos países de América que están a sufrir esta crise con máis virulencia: “Venezuela, que suma esta situación tan complexa á súa xa fráxil estabilidade, e A Arxentina, que vén de sumarse hai xa dúas semanas ao noso confinamento e ás nosas urxencias, xunto co resto de comunidades autónomas de España e tamén os países de Europa”.


Trala renovación da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas en decembro de 2019, o órgano da emigración está integrado polo Centro Cultural y Deportivo Valle Miñor de Montevideo (O Uruguai), a Asociaçao Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago de Salvador de Bahía (O Brasil), a Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas de Bos Aires (A Arxentina) e a Sociedad Cultural Rosalía de Castro de La Habana (Cuba) por América; o Centro Cultural de Cuxhaven (Alemaña), o Centro Gallego de Londres (O Reino Unido), o Centro Gallego de Lisboa (Portugal) e a Asociación "As Xeitosiñas" de Zurich (Suíza), por Europa; e o Centro Gallego de Salamanca, o Lar Gallego de Sevilla, o Centro Gallego de Castellón, "O Aturuxo", e a Unión de Asociaciones Gallegas de Cataluña (Augalcat) por España. Como membros natos do organismo permanecen a Casa de Galicia de Montevideo (O Uruguai) e a Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas) por contar con máis de 20.000 socios.
 

Imaxes relacionadas