A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou na Conferencia Sectorial coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, para abordar a xestión da auga durante a emerxencia sanitaria do COVID-19

A Xunta solicítalle ao Goberno central garantías de subministro de equipos de protección para os profesionais responsables dos servizos esenciais da auga

O Goberno galego demanda medidas administrativas e normativas para evitar que a crise sanitaria polo COVID-19 supoña un paso atrás na mellora da calidade das augas

Pide a axilización das autorizacións estatais para impulsar as actuacións de saneamento pendentes

Santiago, 8 de abril de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, solicitoulle hoxe ao Goberno central garantías de subministro de equipos de protección individual para os profesionais que están a garantir a prestación dos servizos de saneamento e abastecemento á poboación.

Vázquez Mourelle, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participou hoxe na Conferencia Sectorial coa vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, para abordar a xestión da auga durante a emerxencia sanitaria do COVID-19.

Nesta xuntanza, por videoconferencia, a conselleira demandoulle ao Ministerio a habilitación dunha canle para que as empresas da auga teñan garantía de subministro a curto prazo de todo o material que precisan para desenvolver o seu traballo.

As diferentes comunidades que participaron no encontro coincidiron na necesidade de garantir o correcto funcionamento destes servizos esenciais. A este respecto, de acordo coas instrucións da Xunta e por iniciativa propia, os profesionais da auga que operan na comunidade xa se teñen dotado de plans de continxencia para asegurar estas prestacións.
A responsable de Infraestruturas tamén lle requiriu ao Ministerio que active as medidas legais, sanitarias e de prevención para que o persoal de tomas de mostras poidan seguir traballando, de acordo aos protocolos sanitarios e con garantías de seguridade.

Ademais pediulle que se axilicen as autorizacións pertinentes para impulsar as actuacións de saneamento precisas e evitar que esta situación supoña un paso atrás no avance da mellora da calidade das augas que vén impulsando a Xunta nos últimos dez anos.

Fixo fincapé na necesidade de que a situación actual non acentúe os retrasos nos trámites administrativos por parte de Costas do Estado en actuacións estratéxicas para Galicia.

Salientou as dificultades que a Xunta está a ter para desbloquear actuacións de saneamento imprescindibles para cumprir a normativa europea, como por exemplo, a mellora do saneamento de Praceres, Foz ou Burela, que precisan desa autorización estatal.

A conselleira tamén lle pediu ao Executivo central que avance no convenio de colaboración para o financiamento de obras de saneamento e abastecemento prioritarias na comunidade.

Trátase de actuacións de interese xeral do Estado, como Poio-Sanxenxo, Ponteareas, a Illa de Arousa, nas que colaborará a Xunta; e da participación financeira do Goberno español en obras que impulsa o Goberno galego, como as de Salvaterra, Monforte ou Bertamiráns.

Imaxes relacionadas