A Delegación Territorial da Xunta en Lugo conta dende hoxe con dúas unidades de desinfección de vehículos

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, sinala que prestarán servizo aos coches da Administración e Policía autonómica, así como aos de Protección Civil e Policía Local dos concellos lucenses

Lugo, 8 de abril de 2020

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo puxo en funcionamento dúas unidades de desinfección de vehículos por ozono. O delegado territorial, José Manuel Balseiro, anunciou esta nova medida do Goberno galego para tratar de controlar a expansión do virus Covid 19, neste caso hixienizando recursos de servizo público.

Así, esta dotación utilizarase para desinfectar os vehículos da Administración e da Policía Autonómica, así como os das agrupacións de Protección Civil e Policía Local dos concellos da provincia.

A iniciativa vén a complementar os labores de desinfección nas contornas de centros asistenciais, e distintas medidas de protección que está facilitando a Xunta a todos os concellos, residencias de maiores e outros puntos vulnerables para incrementar a seguridade fronte ao coronavirus.