A Delegacion Territorial da Xunta en Pontevedra conta dende hoxe con dúas unidades de desinfección de vehículos

Prestarán servizo aos coches da Administración e Policía autonómica, así como os vehículos de 47 concellos pertencentes á esta área territorial, nos que se inclúen os de Protección Civil e Policía Local

Pontevedra, 08 de abril de 2020

A Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra vén de por en funcionamento dúas unidades de desinfección de vehículos por ozono, dentro das medidas adoptadas polo Goberno galego para loitar contra o coronavirus.

Este equipamento que comezou a funcionar esta mesma mañá prestará servizo aos coches da Administración e Policía autonómica, así como os de Protección Civil e Policía Local de 47 concellos dependentes da Delegación de Pontevedra.

O Goberno galego continúa así a colaborar coas administracións locais para que o persoal dos servizos municipais involucrados na loita contra a expansión do coronavirus e que seguen a traballar como é o caso de Protección Civil, Policía Local ou os servizos de axuda no fogar conten con material e protección axeitada.
Neste mesmo senso, recordar que a Xunta de Galicia, a través da delegación territorial de Pontevedra, enviou, ata o momento, mais de 150.000 unidades de material de protección aos concellos dependentes da mesma. En total, foron 97.580 luvas, 48.404 mascaras, 439 botes de xel hidroalcohólico, 2.869 traxes antisalpicaduras, 980 batas, 17 garrafas de desinfectante e 392 unidades de lixivia. No reparto, priorizouse inicialmente aos concellos pequenos e medianos xa que dispoñen de menos recursos. Concellos como os de Pontevedra capital xa recibiron nas últimas horas este segundo envío, o que supón unha entrega total de case 22.900 unidades de material de protección.
O material está sendo destinado aos concellos para o seu uso, principalmente, no Servizo de Axuda no Fogar, en Protección Civil e Policía Local, así como outros servizos municipais esenciais, segundo as informacións facilitadas polos propios municipios.