A Xunta reparte 10.000 máscaras de protección fronte ao coronavirus nas lonxas dos peiraos de titularidade autonómica

O Servizo de Gardacostas de Galicia distribuirá nos próximos días o material entre os máis dunha trintena de centros de poxa que manteñen a súa actividade a pesares da declaración do estado de alarma

O reparto realízase en base ao volume de actividade de cada lonxa e tendo en conta que se trata dun servizo público e esencial para o abastecemento de alimentos de calidade á cidadanía

Esta entrega de elementos de protección súmase ás recomendacións e pautas de comportamento remitidas pola Consellería do Mar ao sector cando se decretou a alerta sanitaria para previr contaxios e a expansión da enfermidade

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2020

A Xunta de Galicia vai distribuír nos próximos días 10.000 máscaras de protección fronte ao coronavirus entre as máis dunha trintena de lonxas asentadas nos peiraos dependentes da comunidade autónoma que manteñen a súa actividade a pesares da declaración do estado de alarma. A Administración galega pretende contribuír con esta medida a que o persoal destas instalacións conte con mellores medios para desenvolver o seu labor en condicións de seguridade e previr así posibles contaxios da enfermidade.

Estes elementos de protección individual foron entregados polo Executivo galego ao Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, que está a preparar os distintos lotes e se encargará do seu envío a aquelas lonxas que manteñen a súa actividade co obxectivo de ofrecer alimentos de calidade á cidadanía e comercializar os produtos da frota galega, que segue a faenar ao estar incluída polo Goberno do Estado entre os sectores considerados esenciais.

As máscaras entregadas pola Xunta repartiranse nos próximos días entre as lonxas que están operativas a pesares do estado de alarma en función dos seus volumes de actividade. Esta achega de material de protección realízase agora na medida das disposicións e posibilidades e tendo en conta o carácter que as lonxas teñen como servicio público necesario para o subministro de produtos de alimentación de calidade á cidadanía.

Na provincia da Coruña as lonxas que seguen operativas e que recibirán este material son as de Ribeira, Cedeira, Portosín, Camariñas, Malpica, Porto do Son, Laxe, Muxía, Fisterra, Rianxo, Corcubión, Aguiño, Ferrol, Carnota, Cariño, Camelle, Barallobre e Espasante. No caso de Lugo son dúas, as de Burela e Celeiro, e na provincia de Pontevedra as de Portonovo, Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Bueu, Cangas, Vilanova de Arousa, A Guarda, Redondela, Campelo, Moaña, Carril e a Cooperativa Ría de Arousa.

Medidas de prevención

Esta distribución de material supón dar un paso máis no apoio ás lonxas para reforzar as medidas de seguridade ante o coronavirus pois engádese ás recomendacións e pautas de actuación que a Consellería do Mar enviou desde o primeiro momento ás confrarías de pescadores galegas co obxectivo de manter a actividade con todas as garantías e seguir subministrando alimento de calidade á poboación.

O Executivo galego aconsellou reducir as actividades presenciais nas lonxas recorrendo aos medios telemáticos e telefónicos na medida do posible, unha medida que se estendía tamén aos trámites coas oficinas administrativas dos centros de poxa. Ademais, recomendou limitar o acceso á lonxa ao prohibir a entrada a toda persoa allea á operativa e comercio de produtos frescos do mar, o que supuxo a cancelación das visitas turísticas ou similares e que só poidan acceder aos locais os compradores e vendedores autorizados en cada lonxa.

No caso das poxas, a Xunta apuntou que a presenza durante a súa celebración debe ser a mínima imprescindible co obxectivo de evitar as concentracións de xente e aplicando sempre as medidas de distanciamento entre persoas que se establecen nas recomendacións sanitarias. Con esa finalidade, en caso de ser necesario, recomendou aumentar o número de poxas e facer a pesada das capturas por quendas para evitar aglomeracións. A exposición dos produtos tamén se debe realizar deixando a suficiente distancia entre filas para manter o espazo mínimo recomendado entre persoas.

En canto ás medidas de hixiene, a Consellería do Mar aconsellou incrementar o nivel de limpeza e desinfección de todas as dependencias das lonxas así como aumentar a dispoñibilidade de lavamáns ou dispensadores de limpadores desinfectantes nas zonas de poxa e pesada das capturas. Neste sentido, tamén lembrou a necesidade de cumprir de xeito estrito coas medidas xerais de hixiene e uso de equipos persoais de protección.