A Xunta remata administrativamente a parcelaria da zona de San Vicente e San Lourenzo de Boqueixón

O último paso será a entrega de títulos de concentración aos 397 propietarios beneficiados por este proceso de reorganización de 614 hectáreas

Supuxo unha reestruturación de 2.203 parcelas iniciais en algo máis de 700 fincas

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2020

A Consellería do Medio Rural acaba de dar por finalizada administrativamente a concentración parcelaria da zona de San Vicente de Boqueixón e San Lourenzo de Granxa, no concello coruñés de Boqueixón ao aprobar a firmeza do acordo deste proceso de reorganización do territorio.

Desta forma, só quedaría pendente entregar os títulos de concentración aos 397 propietarios beneficiados por esta reestruturación de 614 hectáreas de superficie. Así, grazas a estes instrumentos de mobilización e reordenación de terras, conseguiuse ampliar a base territorial dos veciños da zona, pois a superficie media das parcelas incrementouse en máis dun 200%, ao pasar de 2.203 parcelas iniciais a 716 predios.

Neste proceso de concentración parcelaria, a Xunta leva destinado preto de 1,3 millóns de euros, dos cales a meirande parte foron para a execución da rede de camiños principais e secundarios e para o acondicionamento das parcelas. Ademais, cabe lembrar que para este ano 2020, a Consellería destina uns 10 millóns de euros para seguir avanzando nos 102 procesos abertos a día de hoxe, o que supón máis de 100 millóns de euros desde o comezo da lexislatura nesta materia.

Así, o Goberno galego segue apostando por estes mecanismos de concentración parcelaria, que permiten darlle máis valor ás terras, á vez que aumentan a base territorial das explotacións e reducen considerablemente os custos de produción das mesmas.