A Xunta envía 32.293 novas unidades de material de protección aos catorce concellos que compoñen a área territorial de Vigo

Desde o inicio do reparto a sede autonómica viguesa repartiu 74.000 luvas, 34.640 máscaras cirúrxicas, 1.161 traxes antisalpicaduras e produtos de desinfección

Ata o de agora, o goberno galego enviou ao Concello de Vigo máis de 68.569 unidades de material de protección na cidade

A Administración autonómica reitera que todo o material entregado foi inspeccionado e está en perfectas condicións para poder ser usado

Vigo, 7 de abril de 2020

A Xunta, a través da Delegación Territorial de Vigo, vén de enviar 32.293 unidades de material de protección aos catorce concellos que conforman a área metropolitana. En total, foron 11.696 máscaras, 20.400 guantes e 197 traxes antisalpicaduras.

O Goberno xa repartiu material de protección ao 100% dos concellos da área viguesa priorizando ao inicio aos concellos pequenos e medianos e ampliando a semana pasada a entrega á cidade de Vigo.

A día de hoxe, achegáronse aos catorce concellos da área 74.000 luvas, 34.640 máscaras, 159 botes de xel hidroalcohólico, 1.161 traxes antisalpicaduras, 410 batas, 7 garrafas de desinfectante e 128 unidades de lixivia.

No que respecta ao Concello de Vigo, ata o de agora enviáronse máis de 68.569 unidades de material de protección en conxunto na cidade. Así, nun primeiro envío foron 15.492 máscaras, 30.000 guantes e 246 traxes; e 7.746 máscaras, 15.000 guantes e 123 traxes nun segundo envío esta semana.

O material está sendo destinado aos concellos para o seu uso, principalmente, no Servizo de Axuda no Fogar e en Protección Civil, segundo as informacións facilitadas polos propios municipios.

A Administración autonómica reitera que todo o material entregado, cumpre estritamente co procedemento do Ministerio de Sanidade con respecto ao seu uso, foi inspeccionado e está en perfectas condicións para poder ser usado.