A Secretaría Xeral para o Deporte insiste na importancia da toma de decisións conxuntas tras unha nova reunión coas doce federacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva

A Xunta e as federacións deportivas traballan na procura dunha decisión conxunta sobre a resolución das competicións que favoreza a todo o tecido deportivo galego e que teña en conta as particularidades de cada modalidade ou especialidade

Os técnicos do CGTD teñen elaborado unha planificación e accións de adestramento para realizar na casa e orientadas á preparación física e psicolóxica dos deportistas durante o período de confinamento

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu na mañá de hoxe unha nova reunión virtual cos responsables das doce federacións deportivas galegas presentes no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) como son Atletismo, Bádminton, Judo, Kárate, Taekwondo, Loita, Remo, Piragüismo, Tríatlon, Natación, Ximnasia e Vela. Esta xuntanza continúa a liña de encontros da Secretaría Xeral con todo o tecido deportivo galego e incide na importancia da “unión e toma de decisións conxuntas” por todos os actores do deporte galego nun momento de “absoluta excepcionalidade como o que estamos a vivir”.

O secretario xeral interesouse pola situación das distintas federacións, así como nas posibilidades de realizar o programa deportivo cos seus deportistas no período de confinamento establecido tras a declaración do estado de alarma polo coronavirus. Todas as federacións do CGTD, a través dos seus técnicos, teñen elaborado unha planificación e accións de adestramento para realizar na casa e orientadas á preparación física e psicolóxica dos deportistas durante o período de confinamento.

Por outra banda, Secretaría Xeral e federacións avanzan nunha serie de modificacións que realizar sobre a convocatoria de bolseiros do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para adaptar a mesma á situación de excepcionalidade. Este convocatoria segue a súa tramitación habitual e será publicada no verán.

Durante o transcurso da reunión tamén se debateron as distintas alternativas que cada federación contempla respecto á resolución das competicións deportivas autonómicas que na maioría dos casos se atopan aprazadas ou suspendidas. Neste caso, ao igual que na xuntanza coa UFEDEGA, a Xunta de Galicia e as federacións deportivas galegas traballan na procura dunha decisión conxunta que favoreza a todo o tecido deportivo galego e que teña en conta as particularidades de cada modalidade ou especialidade.

O enderezo electrónico para as consultas estritamente deportivas como consecuencia da situación de COVID-19 segue funcionado a pleno rendemento para clubs e federacións (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal).

Imaxes relacionadas