A Xunta distribúe 10.000 mascarillas entre as federacións de transporte de mercadorías

Este material complementa o solicitado pola Administración autonómica ao Ministerio de Transportes e que comeza a entregarse xa a través das oficinas de Correos

O Goberno galego atende a demanda dos profesionais que prestan un servizo esencial destinado a garantir o abastecemento de bens de primeira necesidade

Santiago de Compostela, 6 de abril 2020.- A Xunta de Galicia informou hoxe ás principais federacións de transporte de mercadorías da Comunidade autónoma de que de forma inmediata lles fará entrega dun total de 10.000 mascarillas. O material será distribuído, en concreto a Fegatrans-Apetamcor, Fetram e Fegatramer, as tres federacións do sector das mercadorías representadas no Consello Galego de Transportes.

No seu contacto permanente coa Xunta de Galicia, o sector do transporte de mercadorías vén trasladando a súa demanda de contar con elementos de protección individual para evitar contaxios entre profesionais e garantir a seguridade na cadea de distribución.

Con esta primeira distribución de 10.000 mascarillas entre os profesionais, a Xunta de Galicia atende a demanda dun sector que está a prestar un servizo esencial destinado a garantir o abastecemento de bens de primeira necesidade á poboación durante o estado de alarma.

A Xunta de Galicia solicitou ao Ministerio de Transportes o pasado 24 de marzo o establecemento dun protocolo sobre a necesidade de uso e criterios de distribución de mascarillas entre os sectores profesionais deste ámbito.

En resposta a esta demanda, trasladada tamén polo resto de comunidades autónomas, o Goberno de España iniciou o reparto de mascarillas ás empresas e profesionais do transporte, que se materializa a través das oficinas de Correos.

As 10.000 mascarillas que distribuirá a Xunta complementan o reparto de material de protección que asumiu o Ministerio de Transportes, de acordo co establecido na declaración do estado de alarma.