O Ministerio de Facenda confirma que Galicia é a comunidade autónoma que mellor pagou as súas facturas no ano 2019

O período medio de pago en Galicia foi de 19 días, a metade que a media autonómica (37,4 días)

Galicia repite como a comunidade que mellor paga aos seus provedores pese aos impagos do Goberno central, que tiveron unha afectación negativa ao longo do ano

O retraso nos pagos das entregas a conta de xaneiro por parte do Ministerio de Facenda tamén tivo un efecto negativo, que se corrixirá nos seguintes meses

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2020

O Ministerio de Facenda vén de confirmar que Galicia é a comunidade autónoma que mellor pagou as súas facturas durante o ano 2019, tal como mostran os datos do Informe mensual sobre plazos de pago a proveedores y deuda comercial de las Comunidades Autónomas, publicado hoxe.

En concreto, o período medio de pago (PMP) de Galicia no conxunto do ano 2019 situouse en 19 días, o que supón o tempo máis baixo das 17 comunidades autónomas. Pola contra, este indicador ascendeu a 37,4 días na media autonómica, o que confirma que Galicia pagou de media as súas facturas na metade de tempo que o conxunto das comunidades. Ademais, Galicia mantívose por debaixo do límite de 30 días que establece a lexislación estatal.

O informe publicado hoxe confirma que Galicia repite en 2019 como a comunidade autónoma líder no pagamento aos seus provedores, posición que xa acadara no exercicio 2018. O Goberno galego acadou esta posición pese aos impagos do Goberno central, tanto o retraso na actualización das entregas a conta como o impago da mensualidade do IVE de 2017, factores que tiveron unha afectación negativa no segundo semestre do ano.

Novos retrasos en xaneiro

O Ministerio de Facenda tamén publicou hoxe o dato de PMP de xaneiro de 2020, no que hai un empeoramento xeralizado dos tempos de pago de todas as comunidades autónomas por mor do retraso nos pagos do sistema de financiamento autonómico. En xaneiro o Ministerio de Facenda non realizou estes pagos ata os últimos días do mes, unha vez que foi aprobado polo Consello de Ministros o día 21, e iso provocou un incremento dos tempos de pagamento nas comunidades autónomas. Este retraso uniuse ás tensións de tesourería que se veñen producindo polo impago da mensualidade do IVE, que provocou o empeoramento do PMP en todas as comunidades autónomas antes citado.

No caso de Galicia, o tempo de pago en xaneiro (35,3 días) seguiu sendo mellor á media autonómica (44 días). En todo caso, a previsión da Xunta é corrixir este indicador nos seguintes meses, tal como foi detallado a pasada semana no Consello da Xunta.

PMP - Exercicio 2019
 
1
Galicia
19,0
2

País Vasco

21,0
3
Andalucía
21,1
4
Canarias
23,5
5
Asturias
24,6
6
Navarra
24,7
7

Castilla y León

28,0
8
Aragón
31,6
9

Extremadura

32,5
10
Madrid
33,8
 
Total CC.AA.
37,4
11
La Rioja
40,1
12
Cataluña
42,5
13
Baleares
46,6
14

Comunidad Valenciana

47,4
15

Castilla-La Mancha

48,0
16
Murcia
58,8
17
Cantabria
66,7
 

Fonte: Ministerio de Facenda

Imaxes relacionadas