A Xunta mantén o peche dos mercados locais para a venda de produtos agroalimentarios por indicacións do Goberno central

En resposta á consulta remitida polo executivo galego, a Delegación do Goberno en Galicia explica que a venda de alimentación queda restrinxida aos establecementos comerciais

O executivo central rexeita así a posibilidade de que se reabran os mercados tradicionais ao aire libre, destacando ademais que supoñen unha congregación dun alto número de persoas, co conseguinte risco de contaxio masivo
 

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2020

A Xunta mantén o peche dos mercados locais para a venda de produtos agroalimentarios tras as indicacións recibidas por parte do Goberno central. En resposta á consulta remitida polo executivo galego, a Delegación do Goberno na comunidade explica que a venda de alimentación queda restrinxida aos establecementos comerciais, sempre que se tomen as debidas precaucións para evitar o contaxio do coronavirus.

Na súa exposición, a Delegación do Goberno cita o artigo 10 do Real Decreto polo que se declarou o estado de alarma, que establece medidas de contención no ámbito da actividade comercial, entre outras. Nese artigo -engade- cítase expresamente a suspensión da apertura ao público dos locais e establecementos minoristas, agás os relacionados coa alimentación, as bebidas e os produtos e bens de primeira necesidade.

Así, o executivo central prosegue que a actividade comercial minorista de alimentación queda restrinxida a establecementos comerciais, sempre que non supoñan un risco de contaxio polas condicións nas que se estean desenvolvendo. Deste xeito, apunta que non estaría permitida a celebración dos mercados tradicionais ao aire libre que -destaca a Delegación do Goberno- implican ademais unha congregación dun alto número de persoas, co conseguinte risco de contaxio masivo.

A Xunta emitiu onte unha consulta ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, ao de Sanidade e á Delegación do Goberno en Galicia para saber como se debía proceder tras o 31 de marzo, data na que finalizaba a prohibición da celebración dos devanditos mercados tradicionais, establecida por unha orde da Consellería do Medio Rural o pasado 24 de marzo.

Ao manterse o peche destes mercados locais, a venda de produtos agrícolas e gandeiros deberá seguirse realizando por medios alternativos que non impliquen presenza física, como por vía telefónica, con realización de pedidos a través da rede online (correo electrónico) ou similares, servidos polo produtor no domicilio do consumidor e evitando o desprazamento de persoas pola vía pública.
 

Imaxes relacionadas