A Xunta publica a orde que permitirá axilizar os aproveitamentos madeireiros en terreos cun réxime de protección especial

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde conxunta entres as consellerías do Medio Rural, de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Infraestruturas e Mobilidade pola que se aproban os novos pregos de condicións

Así, substitúese a esixencia de autorización administrativa pola declaración responsable da persoa interesada no aproveitamento madeireiro nestes terreos

Deste xeito, estímase que se presentarán 15.000 declaracións responsables que antes debían tramitarse como autorización

As especies afectadas por esta previsión son: o eucalipto, o piñeiro galego ou do país, o piñeiro de Monterrei, o piñeiro de Oregón e a acacia negra
 

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde conxunta entres as consellerías do Medio Rural, de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Infraestruturas e Mobilidade pola que se aproban os pregos de condicións aos que haberán de suxeitarse os aproveitamentos madeireiros dunha serie de especies en terreos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados por lexislación de protección do dominio público.

Así, a aprobación dos citados pregos, permitirá substituír a esixencia de autorización administrativa pola declaración responsable da persoa interesada do cumprimento dos requisitos contemplados en ditos pregos, eliminando así a necesidade de obter informe previo do órgano sectorial competente.

Deste xeito, amplíanse así os supostos de declaración responsable, o que se estima que permitirá a presentación de 15.000 declaracións responsables que antes debían tramitarse como autorización. O obxectivo desta medida é minimizar as xestións administrativas e que o declarante quede facultado para realizar o aproveitamento desde o momento da presentación desta declaración responsable, sen máis trámites.

As especies afectadas por esta previsión son: o eucalipto, o piñeiro galego ou do país, o piñeiro de Monterrei, o piñeiro de Oregón e a acacia negra, respectando as peculiaridades establecidas en cada prego. Cómpre sinalar que o piñeiro do país e o eucalipto son as especies máis cortadas en Galicia. Ademais, esta orde contempla tamén os condicionantes -no tocante ás distancias de plantación recollidas na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia- que han de cumprir as cortas das especies sinaladas en zonas de protección de estradas (autonómicas), policía de leitos (Augas de Galicia) e de conservación do patrimonio natural.

Ata o de agora, a Lei de montes de Galicia, trala modificación operada a través da Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, regulaba a autorización única para a realización de aproveitamentos madeireiros en terreos con algún réxime de protección ou afectados por lexislación de protección do dominio público. Así, a Consellería do Medio Rural tiña que conceder esta autorización logo do informe preceptivo dos órganos ou organismos sectoriais, o que dilataba o proceso no tempo. A través da publicación desta orde axilizarase de forma substancial o proceso de aproveitamentos madeireiros nestas zonas.

Enlace á orde completa:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200401/AnuncioG0426-260320-0001_gl.html

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural