A Xunta leva repartidas máis de 420.000 unidades de material de protección ao 98% dos concellos galegos

O material, conseguido directamente pola Xunta, inclúe guantes, mascarillas, xel, desinfectante, batas protectoras e traxes antisalpicaduras

A Xunta puxo en marcha esta semana unha plataforma loxística para axilizar o proceso e evitar desprazamentos dos concellos

Nos próximos días realizaranse novos envíos de material, que chegarán tamén ás sete cidades e, polo tanto, ao 100 por cento dos concellos galegos
 

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2020

A Xunta leva repartidas máis de 420.000 unidades de material de protección ao 98% dos concellos galegos. A distribución comezou a semana pasada e axilizouse a partir deste luns grazas á posta en marcha dunha plataforma loxística, que axiliza o proceso e leva o material directamente aos concellos, evitando así desprazamentos.

O material repartido ata agora -conseguido todo directamente pola Xunta- inclúe 317.700 guantes, 76.000 mascarillas, 1.120 botes de xel hidroalcohólico; 100 garrafas de desinfectante; 16.566 batas protectoras e 12.074 traxes antisalpicaduras. Está previsto que a finais desta mesma semana a cifra ascenda a 350.000 guantes, 122.000 mascarillas e 25.000 traxes. A todo este material, sumarase un novo envío, tamén nos próximos días, que chegará xa ás sete cidades e cubrirá, polo tanto, ao 100 por cento dos concellos galegos. Na distribución do material, priorizouse inicialmente aos concellos pequenos e medianos xa que dispoñen de menos recursos.

O reparto do material, que conta coa colaboración da Fegamp, realízase en base a uns criterios obxectivos, que teñen en conta a poboación, o número de casos positivos, o número de efectivos de Policía, o número de voluntarios de Protección Civil, e o número de horas do servizo de axuda no fogar.

Cómpre ter en conta que, ante a actual crise do coronavirus, a prioridade é dotar de material de protección ao persoal sanitario. Con todo, os concellos desenvolven servizos fundamentais, a través de recursos como Protección Civil ou os servizos de axuda no fogar, polo que a Xunta considera tamén importante dotalos do equipamento necesario. A Xunta é actualmente a única administración que está achegando material ás entidades locais.