A Xunta abordará mañá co sector galego da construción o alcance e o impacto da paralización da súa actividade

No encontro abordaranse tanto os efectos da suspensión das obras públicas dependentes da Xunta de Galicia como o impacto xeral no sector das restricións aprobadas polo Goberno estatal

A Xunta continúa co diálogo que vén mantendo co sector da construción desde o inicio da alerta sanitaria provocada polo COVID-19
 

Santiago, 30 de marzo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade abordará mañá co sector galego da construción o alcance e o impacto da paralización da súa actividade, recollida no Real Decreto Lei 10/2020 publicado no día de onte no Boletín Oficial do Estado, de cara a restrinxir a mobilidade da poboación para loitar contra o COVID-19.

A titular do departamento autonómico, Ethel Vázquez manterá este martes unha reunión, por videoconferencia, co presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, xunto cos representantes das catro asociacións provinciais e co presidente da Cámara de Contratistas de Galicia para analizar a situación na que quedan as obras públicas na Comunidade galega tras a súa paralización derivada do peche de actividades non esenciais decretadas polo Goberno do Estado.

No encontro abordaranse tanto os efectos da suspensión das obras públicas dependentes da Xunta de Galicia como o impacto xeral no sector das restricións aprobadas polo Goberno estatal.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén mantendo un diálogo constante e permanente co sector da construción desde o inicio da alerta e emerxencia sanitaria provocada polo COVID-19 para coñecer de primeira man a súa situación e a súa evolución. O encontro de mañá enmárcase nesta liña de contactos e servirá para avaliar conxuntamente o impacto económico e sobre o emprego que implicarán as novas restricións nas actividades económicas non esenciais decretadas no día de onte polo Goberno estatal.

Cómpre lembrar que antes de decretarse esta paralización, a Xunta de Galicia mantiña activas arredor do 80% das obras dependentes da administración autonómica, para as que se tiñan ditado instrucións e aplicando de forma estrita as medidas de prevención de contaxios e os protocolos sanitarios establecidos.