A Xunta repartirá esta semana 100.000 mascarillas que chegarán directamente aos concellos galegos a través dun novo centro loxístico

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, achegouse esta mañá á plataforma loxística que o Goberno galego impulsou para a adquisición e reparto do material de protección aos municipios

O Goberno galego, en colaboración coa Fegamp, leva repartidas xa 22.000 mascarillas, 10.000 traxes e 300.000 luvas

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2020

A Xunta de Galicia repartirá esta semana 100.000 mascarillas, 15.000 traxes e 50.000 guantes aos concellos galegos. O material chegará directamente dende o centro loxístico que a Xunta ven de poñer en marcha para centralizar a adquisición e distribución de equipos de protección individual durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria por coronavirus.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que este centro loxístico, denominado Clonegal, ponse en marcha tralo aumento do material que chegará ás administracións locais e tamén co obxectivo da axilización do reparto, xa que os concellos recibirán os envíos no seu propio municipio e non terán que desprazarse. Os medios foron adquiridos directamente polo Goberno autonómico ante a escasez de subministración do Goberno central.

Con esta medida búscase organizar, ordenar e priorizar a distribución do material preciso para os labores de todo o persoal -agás o sanitario- involucrado na loita contra a expansión do virus, de forma que se dea cobertura ás necesidade de xeito centralizado e programado, co fin de optimizar as compras e a repartición.

Segundo indicou o vicepresidente, os concellos galegos están a empregar o material da Administración autonómica en ámbitos como o Servizo de Axuda no Fogar ou as emerxencias e a Protección Civil.

Durante a pasada semana a Xunta, repartiu por medio das Delegacións Territoriais e en colaboración coa Federación galega de Municipios e Provincias (Fegamp), un total de 22.000 mascarillas. 300.000 luvas e preto de 10.000 traxes.

O vicepresidente animou ás deputacións provinciais a participar no centro loxístico e a achegar o material do que dispoñan para que sexa repartido da forma máis rápida e eficaz posible.

Imaxes relacionadas