Galicia tramita a adquisición de máis material de protección destinado a profesionais e doentes para facer fronte á pandemia do coronavirus

Feijóo precisa que con esta contratación a Xunta adquire máis de 7.230.000 de mascarillas cirúrxicas e máscaras respiratorias, máis de 600.000 batas de alta protección e preto de 22.000 botellas de solucións desinfectantes

Logo de que se fixese un chamamento ao sector produtivo galego co obxectivo de fabricar material en Galicia, o titular do Goberno galego anuncia a posta en marcha do comité de fabricación de equipamento sanitario

Salienta que os contratos de servizos e subministración da Xunta que non se poidan executar pola crise sanitaria ou polas restricións adoptadas quedarán suspendidos

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2020

“Seguimos comprando gafas de protección, batas de alta protección, máscaras respiratorias cirúrxicas, guantes e solución hidroalcohólica”, dixo o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello, na que avanzou a autorización dun novo expediente por valor de 6,7 millóns de euros para pagar o xa comprado e habilitar crédito para seguir comprando máis subministros sanitarios.

Máis polo miúdo, precisou que con esta contratación o Executivo autonómico adquire máis de 7.230.000 de mascarillas cirúrxicas e máscaras respiratorias, máis de 600.000 batas de alta protección e preto de 22.000 botellas de solucións desinfectantes. Ademais de materias primas para a elaboración de material desinfectante e envases e tubos dispensadores para a elaboración destes produtos.

Ao longo da súa intervención, Feijóo aseverou que con esta compra, Galicia tramita por terceira vez de forma urxente a adquisición de material ou equipamento destinado a pacientes, a profesionais de toda a rede sanitaria do Servizo Galego de Saúde e aos profesionais das residencias de maiores e de discapacitados internos. “E agardamos que comece a chegar este fin de semana”, aseverou, incidindo en que a subministración de material é e seguirá a ser unha das prioridades da Comunidade.

Posta en marcha do Comité de fabricación de equipamento sanitario

Neste mesmo eido, e logo de que o pasado venres no Consello da Xunta, se fixese un chamamento ao sector produtivo galego co obxectivo de fabricar material en Galicia, Feijóo avanzou tamén a posta en marcha do Comité de fabricación de equipamento sanitario e para a prevención de riscos laborais.

Este comité identificará os estándares de calidade e seguridade mínimos para que os produtos necesarios poidan utilizarse e autorizará a súa fabricación, sen prexuízo dos correspondentes expedientes de contratación. E estará integrado por un representante da Consellería de Economía; da Axencia Galega de Innovación (Gain); do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape); de XesGalicia; da Dirección Xeral de Comercio e Consumo; do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), así como das consellerías de Sanidade e de Política Social.

Ao longo da rolda de prensa, Feijóo precisou que ademais de coordinar a demanda e a oferta do tecido empresarial galego, este comité activará unha liña de axudas ao investimento para facilitar que as empresas poidan acometer as transformacións necesarias para, deste xeito, abordar a fabricación inmediata de material de protección.

O presidente da Xunta quixo destacar a inmediata resposta do tecido empresarial galego, con máis de 40 propostas.

Sobre este punto, resaltou que o sector téxtil e da confección comezou a fabricar xa 12.000 batas médicas. “O Sergas tamén solicitou á industria á elaboración de mandís sanitarios impermeables e hai ofertas de produción doutros materiais, como pantallas protectoras”, explicou.

Contratos de servizos e subministracións da Xunta

Por outra banda, cómpre salientar que o Consello da Xunta aprobou esta mañá unha instrución pola que os contratos de servizos e subministracións da Xunta que non poidan executarse pola crise sanitaria ou polas restricións adoptadas quedarán suspendidos. “Quedan excluídos deste suposto os que non estean afectados por esta situación, e os que son indispensables para o interese xeral e o funcionamento básico dos servizos”, precisou.

Cómpre destacar que a suspensión non suporá en ningún caso a resolución do contrato, xa que esta suspensión levantarase cando cesen as causas que a provocaron.

Así mesmo, quedan suspendidos tamén os contratos en fase de tramitación, se ben, excepcionalmente, poderase continuar cos procedementos referidos ao estado de alarma ou os indispensables para o interese xeral e o funcionamento básico de servizos.

“En definitiva, esta instrución, que será publicada a vindeira semana, informará a todos os provedores da Xunta”, concluíu.

Imaxes relacionadas