A Xunta reparte entre os concellos e residencias da área territorial de Vigo 47.721 unidades de material de protección

Desde as delegacións territoriais estase así atendendo ás peticións máis urxentes dos centros residenciais públicos e ás que os municipios trasladaron á FEGAMP

Entre o material repartido, contabilízanse 1.721 Equipos de Protección Integral (EPI), así como batas desbotables, gafas, pantallas e produtos de desinfección e limpeza

Os delegados da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e Vigo, Corina Porro, están ao fronte do PMA na provincia que ten como obxectivo a coordinación entre concellos e a Administración autonómica na loita contra o COVID-19

Vigo, 27 de marzo de 2020

A Xunta, a través da Delegación Territorial de Vigo, contabiliza 40.000 pares de luvas e 6.000 mascarillas repartidos entre o persoal que segue desenvolvendo funcións nos distintos servizos municipais e nas residencias públicas. Asemade, entre o material urxente de protección que foi enviado constan 1.721 Equipos de Protección Integral (EPI), así como batas desbotables, gafas, pantallas e diversos produtos de desinfección e limpeza.

Parte deste material, foi doado por empresas da área viguesa, ás que a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, agradece a súa achega. Asi mesmo, segundo os protocolos establecidos na loita fronte ao Covid-19, deuse instrucións para a redistribución do material existente nos centros educativos da rede galega susceptible de ser utilizado nesta crise sanitaria.

O material está sendo destinado aos concellos para o seu uso, principalmente, no Servizo de Axuda no Fogar e en Protección Civil, segundo as informacións facilitadas polos propios municipios.

Cómpre recordar que os centros están sen actividade docente presencial, polo que é preciso destinar todos os recursos alí onde sexan máis necesarios e ningunha outra administración atendeu á chamada de auxilio que fixo a Federación Galega de Municipios e Provincias

Ademais, desde a Delegación organizouse tamén a actuación do Servizo de Defensa Contra Incendios para levar a cabo a desinfección dos exteriores das residencias de maiores e discapacitados e dos centros de saúde. Concretamente, nesta provincia e ata o de agora leváronse a cabo, con estes equipos de limpeza, actuacións en Redondela, Fornelos de Montes e Pazos de Borbén.

O Posto de Mando Avanzado, constituído o pasado sábado, está composto na provincia polos delegados territoriais da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e Vigo, Corina Porro, as respectivas secretarias territoriais, representantes de todas as xefaturas territoriais, representantes de emerxencias e da policía autonómica.

Entre os cometidos do Posto de Mando Avanzado está centralizar as peticións dos concellos en relación coas necesidades de material, en coordinación coa FEGAMP que xa conta cun formulario na súa web para recoller esa información. Ademais, actúa como un punto de información para os concellos.

O Punto de Mando Avanzado tamén está canalizando a través do 112 as ofertas de doazón de material que se reciban nas delegacións. Tamén está organizando a distribución do material a concellos, GES e UPA, cando se dispoña do mesmo, de acordo coas necesidades e instrucións establecidas polo CECOPI (Centro de Coordinación Operativo Integrado).