A Xunta, a través do persoal do servizo de prevención e loita contra incendios, continúa coa desinfección dos exteriores de residencias e centros de saúde en oito municipios lucenses

Hoxe actuarán nos municipios de Sober, Pantón, A Pobra do Brollón e Bóveda na zona sur da provincia; en Xove na Mariña; na Pastoriza (incluído Bretoña) na Terra Chá; e no Incio e Baleira

Balseiro quixo gabar o traballo dos integrantes do Servizo de prevención e defensa contra os incendios da Xunta e a súa profesionalidade e disposición de servizo público

Lugo, 25 de marzo de 2020

A Xunta de Galicia, a través dos profesionais do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF), continúa no día de hoxe coas tarefas de desinfección dos exteriores das residencias de maiores e dos centros de saúde en oito municipios lucenses do rural, cometido de limpeza extraordinario vinculado á situación de emerxencia por mor do coronavirus.

Na zona sur da provincia teñen previsto actuar nos centros de saúde de Sober, Pantón, Pobra do Brollón e Bóveda, neste último caso tamén no consultorio de Rubián. Na Mariña, actuarán no exterior da residencia de maiores de Xove. No Incio operarán na residencia da maiores e no centro de saúde. Na Terra Chá, despregaranse na Pastoriza para desinfectar o exterior da residencia de maiores en Bretoña e o centro de saúde. Finalmente en Baleira traballarán tamén na residencia de maiores e no centro de saúde.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os puntos de actuación establecidos son lugares nos que se concentran persoas que forman parte de colectivos de especial risco (persoas maiores, persoal sanitario, ...etc) e que, polas súas características, poden ser especialmente concorridos.

Para executar estes traballos, os efectivos contan coa debida formación e con todo o material de protección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias. Tamén dispoñen da maquinaria e dos produtos precisos para efectuar as desinfeccións.

Outras funcións de apoio

Cómpre lembrar que, a maiores, estes profesionais tamén se encargarán de vixiar as zonas de esparexemento no rural para garantir o confinamento e apoiar aos residentes en espazos illados, remotos ou de difícil acceso, incluído a posibilidade de colaborar no transporte de produtos como víveres ou material sanitario a zonas do rural galego.

Con todo, a función principal deste corpo seguirá a ser a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar, unha cuestión que está garantida.

Balseiro quixo gabar o traballo dos integrantes do Servizo de prevención e defensa contra os incendios da Xunta e a súa profesionalidade e disposición de servizo público.

Imaxes relacionadas