A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade Ethel Vázquez, trasladou hoxe na Conferencia Sectorial de Transportes a aposta da Xunta por manter a actuación coordinada das Administracións para evitar contaxios e modular no posible o impacto económico

A Xunta solicita ao Ministerio de Transportes medidas para garantir o traballo en condicións axeitadas dos transportistas de mercadorías

O Goberno galego comparte a petición do conxunto de autonomías para que se asegure o acceso a aseos, zonas de avituallamento de comida e aloxamento aos profesionais que realizan este servizo esencial

As comunidades solicitan unanimemente o establecemento dun protocolo sobre a necesidade de uso e distribución de mascarillas entre os sectores profesionais

A Xunta informa de que as medidas de limitación do transporte público reduciron un 80% os servizos e se produciu un descenso de preto do 90% da demanda

O Ministerio matizará que nos vehículos de traballo relacionados con actividades non suspendidas, como é o caso das obras públicas, poden ocuparse unha praza de cada fila

Santiago, 24 de marzo de 2020

A Xunta de Galicia solicitoulle hoxe o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que se adopten as medidas necesarias para facilitar o traballo en condicións axeitadas dos transportistas de mercadorías. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Transportes convocada polo Goberno de España, na que trasladou a aposta de Galicia por manter unha actuación coordinada de todas as administracións para evitar contaxios do COVID-19 e modular na medida do posible o impacto económico derivado do estado de alarma e da emerxencia sanitaria.

Na xuntanza, a Xunta de Galicia e a practica totalidade dos representantes autonómicos compartiron a petición de que se artellen medidas para asegurar o acceso por parte dos profesionais que realizan o servizo esencial do transporte de mercadorías a aseos en boas condicións, zonas de avituallamento de comida e aloxamento.

A conselleira de Infraestruturas trasladou, ademais, a necesidade de aclarar as medidas necesarias para evitar contaxios entre os profesionais do transporte de mercadorías e pasaxeiros, incluído o sector do taxi, así como nas obras públicas.

Nese sentido, as comunidades solicitaron unanimemente ao Goberno de España o establecemento dun protocolo sobre a necesidade de uso e distribución de mascarillas entre os sectores profesionais.

En relación co transporte público, a Xunta informou de que as medidas de limitación do transporte público adoptadas reduciron de forma efectiva un 80% os servizos e se produciu un descenso de preto do 90% da demanda.


En relación coas obras públicas, en tanto en canto se trata de actividades non suspendidas pola declaración do estado de alarma, a Xunta deu conta de que na actualidade está activo aproximadamente o 80% das obras dependentes da administración autonómica, que ditou a instrución de aplicar nas mesmas as medidas de prevención de contaxios e os protocolos sanitarios establecidos.

En resposta á preocupación do sector das obras públicas, o Ministerio aclarou que nos vehículos de traballo relacionados con actividades non suspendidas, como é o caso, poden ocuparse unha praza de cada fila.

Imaxes relacionadas