O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta orde de axudas

As escolas infantís privadas poden solicitar desde mañá axudas para implantar a gratuidade para segundos fillos e sucesivos

Aínda que os prazos administrativos están suspendidos pola situación actual, a orde publícase para dar seguridade e tranquilidade a todas as escolas infantís

Destínanse 6,5 millóns de euros a esta medida que beneficiará a preto de 200 centros privados de 0 a 3 anos e a unhas 5000 familias galegas

Financiarase o 100% da mensualidade que estaban a cobrar pola atención educativa, ata un máximo de 260 euros por cada praza a xornada completa

Tamén se bonificará o 100% do custe da matrícula para o curso 2020/21 ata un máximo de 200 euros

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula implantación da gratuidade para segundos fillos e sucesivos nas escolas infantís de 0 a 3 anos xestionadas por entidades privadas. Esta medida, que terá vixencia a partir do 1 de abril, terá un montante total de 6,5 millóns de euros, que será ampliable no caso de que sexa necesario.

Aínda que os prazos administrativos están suspendidos pola situación actual, a orde publícase para dar seguridade e tranquilidade a todas as escolas infantís. Todos os centros poderán implantar a gratuidade a partir do 1 de abril. Para iso, teñen dispoñible un formulario na sede electrónica da Xunta de Galicia e as solicitudes que se vaian recibindo irán tramitándose.

Poderanse acoller a esta medida as preto das 200 escolas infantís privadas de Galicia. Estímase que a gratuidade nestas escolas infantís beneficiará a arredor de 5000 familias, que non terán que facer ningunha xestión. A Xunta de Galicia financiará o 100% da mensualidade que se estaba a cobrar pola atención educativa, ata un máximo de 260 euros por cada praza a xornada completa. Ademais, tamén se bonificará o 100% do custe da matrícula para o curso 2020/21, ata un máximo de 200 euros.

Para facilitar o funcionamento económico das escolas, vaise conceder un anticipo do 90% da cantidade que lles corresponda, que se fará efectivo a partir de que se lles notifique a axuda. Trátase, ademais, dunha orde de axudas de concorrencia non competitiva, polo que se beneficiarán dela todos aqueles centros que cumpran coas condiciones que esta fixa.

Imaxes relacionadas