A Xunta de Galicia mantén aberta ata o próximo venres unha chamada para identificar solucións innovadoras que combatan o coronavirus covid-19

Empresas e centros de coñecemento poderán presentar a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) solucións innovadoras maduras que contribúan a frear o coronavirus

Os solicitantes deben achegar as súas solucións a través do formulario habilitado ao efecto na páxina web gain.xunta.gal

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2020

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), ten aberta unha chamada a todos os axentes do ecosistema galego de innovación que teñan algunha proposta ou proxecto que poida contribuír á loita contra o coronavirus. Búscanse solucións innovadoras que se poida desenvolver de xeito inmediato e que poderán ser presentadas ata o vindeiro venres 27 de marzo.

Trátase de proxectos para ámbitos directamente relacionados co brote de COVID-19, como, por exemplo, novos dispositivos de intervención ou tratamento; solucións innovadoras para fabricación de ventiladores invasivos; equipos de protección individuais ou colectivos (mascarillas, cortinas, traxes, gorros, luvas...); detección e destrución do virus; sistemas ou produtos de desinfección. Con esta iniciativa, a Xunta pon especial énfase na necesidade de innovar en servizos e produtos, e de poñer a I+D+i ao servizo de sociedade.

Non hai prioridades temáticas predefinidas, só se require que sexan solucións innovadoras que se poidan implementar de xeito inmediato e que axuden a resolver os retos que plantexa a pandemia do COVID-19. Os solicitantes deben achegar as súas solucións ata este venres 27 de marzo a través do formulario habilitado ao efecto na páxina web de Gain. Unha vez recibidas as propostas –ás que se poden presentar todos os axentes do sistema galego de I+D+i–, a Axencia Galega de Innovación realizará unha selección para identificar solucións de interese. Estas solucións deberán ser validadas por parte dos responsables da política de saúde, dada a imposibilidade de homologación de determinados produtos en tan curto prazo de tempo. Unha vez identificadas as necesidades de apoio dos proxectos seleccionados, a Xunta disporá os fondos que sexan necesarios para a súa execución.

Así mesmo, na mesma sección da web, Gain irá centralizando toda a información relativa á I+D+i fronte ao coronavirus, desde a súa incidencia nos procedementos administrativos, unha serie de preguntas e respostas frecuentes, os datos de contacto dos servizos da Axencia, así como enlaces a medidas de apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación e da Comisión Europea neste ámbito.

Imaxes relacionadas