Gardacostas colabora nun operativo da Policía Local de Rianxo contra tres furtivos aos que se comisaron cinco quilos de ameixa xaponesa e un vehículo

Os tres mariscadores ilegais déronse á fuga tras ser localizados vendendo marisco polas vivendas da localidade e foron interceptados nunha estrada secundaria do concello de Dodro

Os axentes levantaron acta de infracción pola venda irregular de produtos do mar e ademais impútanselles delitos de desobediencia á autoridade e de incumprimento do confinamento decretado na declaración do estado de alarma

A ameixa foi entregada aos gardapescas da confraría local para a súa devolución aos bancos marisqueiros e o vehículo requisado será trasladado ao almacén do Servizo de Gardacostas de Galicia
 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2020

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, colaboraron e prestaron apoio esta mañá á Policía Local de Rianxo nun operativo contra tres furtivos aos que lle comisaron cinco quilos de ameixa xaponesa e o vehículo no que transportaban a mercadoría.

Os axentes foron alertados por un veciño de Rianxo de que tres persoas estaban a ofrecer ameixa de dubidosa procedencia nas vivendas da contorna, polo que se achegaron ata o lugar e localizaron aos tres furtivos. Estes, ao decatarse da presenza policial, emprenderon a fuga ata que foron interceptados nunha estrada secundaria do concello de Dodro.

Nese momento os efectivos da Policía Local comprobaron que os furtivos levaban cinco quilos de ameixa xaponesa obtida de xeito irregular, que carecía dos correspondentes documentos que avalasen a súa trazabilidade, e que tampouco se trataba de mariscadores profesionais. Ante esta situación, os axentes contactaron co Servizo de Gardacostas de Galicia para ver como proceder coa correspondente acta de infracción.

Os tres furtivos van ser imputados pola venda ilegal de marisco, por un delito de desobediencia á autoridade -por darse á fuga- e polo incumprimento do confinamento establecido na declaración do estado de alarma decretada polo Goberno central. No caso do condutor, tamén se lle imputa un delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos das drogas pois nas probas realizadas deu positivo en varios estupefacientes.

O marisco incautado pola Policía Local foi entregado aos gardapescas da confraría de pescadores de Rianxo para a súa devolución aos bancos marisqueiros locais mentres que o vehículo incautado quedou depositado nun inmoble desta vila á espera de ser trasladado ás instalacións que o Servizo de Gardacostas de Galicia ten para a almacenaxe deste tipo de incautacións.

Chamamento á cidadanía

A Consellería do Mar agradece a colaboración cidadá en casos coma este e volve facer un chamamento á cidadanía para que merque só produtos procedentes das canles legais, os únicos que contan con todas as garantías para o seu consumo, e lembra o dano que a actividade irregular fai aos profesionais do sector dada a importancia socioeconómica que as actividades pesqueira e marisqueira teñen na comunidade. Nestes momentos tamén fai fincapé na obriga de cumprir as normas de confinamento decretadas pola Xunta e polo Goberno do Estado para facer fronte á alerta sanitaria xerada polo coronavirus.

O Executivo galego recorda ademais que, ao igual que a actividade pesqueira e marisqueira, o sistema de control das zonas de produción de moluscos bivalvos de Galicia segue operativo a pesares da declaración do estado de alarma, polo que os consumidores poden ter a certeza de que os produtos que adquiren a través das canles legais de comercialización contan con todas as garantías sanitarias e son aptos para o consumo.