O Ministerio de Xustiza ordea manter os seus criterios sobre os servizos mínimos durante o estado de alarma por coronavirus

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou por videoconferencia na reunión da Conferencia Sectorial de Xustiza

O Goberno galego buscará fórmulas de flexibilidade no marco desas directrices para manter a atención á cidadanía e garantir a seguridade do persoal da Administración de Xustiza

No encontro acordouse que os profesionais forenses quedarán a disposición das autoridades sanitarias

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe por videoconferencia na Conferencia Sectorial de Xustiza, na que o Ministerio de Xustiza confirmou que os xulgados e tribunais permanecerán abertos durante o estado de alarma como consecuencia da evolución do coronavirus e que se manterán os servizos mínimos decretados segundo os criterios do Goberno central.

Ante esta decisión, a Xunta aposta por estudar distintas fórmulas de flexibilidade no marco das directrices fixadas polo Goberno central co obxectivo de que o persoal funcionario poida atender de forma presencial os servizos mínimos decretados na Administración de Xustiza, de maneira que se sigan a atender as urxencias da cidadanía e, ao mesmo tempo, garantindo a seguridade dos traballadores.

Durante a reunión, presidida polo ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, tamén se abordaron outras cuestións relevantes na actual situación derivada da evolución do
COVID-19. Así, os médicos forenses quedarán a disposición das autoridades sanitarias competente na materia segundo as necesidades do servizo, medida que na nosa comunidade afectará aos equipos do Instituto Galego de Medicina Legal (Imelga).

Ademais do encontro de hoxe, o vicepresidente da Xunta xa participou o pasado luns nunha reunión telemática co ministro de Xustiza e os responsables deste área no resto das comunidades autónomas para reforzar a coordinación das medidas de contención ante o coronavirus e a súa afectación na Administración de Xustiza.

Imaxes relacionadas