O Diario Oficial de Galicia publica a orde de medidas obrigatorias para os servizos de transporte público regular interurbano en relación co coronavirus

Redúcese ao 50% a oferta de servizos de transporte público regular interurbano dependente da Xunta de Galicia

A oferta de prazas nos vehículos limítase ao 50% da súa capacidade, garantindo que non se ocupe máis dun asento por fila nin asentos contiguos da mesma fila

Nos vehículos con prazas de pé, cada viaxeiro disporá dunha superficie mínima dun metro cadrado

As empresas concesionarias dispoñen de 24 horas para trasladar a reformulación da súa oferta de servizos, que será de aplicación inmediata e á que deberá dárselle a máxima difusión

A Xunta resérvase a potestade de establecer a reposición de servizos ou horarios de obrigado cumprimento

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2020

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar nunha edición extraordinaria de hoxe, luns 16 de marzo, a Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pola que se adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19 no ámbito dos servizos de transporte público regular interurbano de viaxeiros.

Trátase de medidas complementarias ás establecidas no Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e se establecen medidas dirixidas a limitar a mobilidade dos cidadáns e, ao mesmo tempo, garantir a prestación dos servizos de transporte público que permitan a posibilidade dos cidadáns de realizar desprazamentos vinculados ás actividades expresamente previstas. E son medidas, ao mesmo tempo, derivadas do acordo do Consello da Xunta do pasado venres, 13 de marzo, polo que se declara a emerxencia sanitaria en Galicia.

A orde publicada polo Diario Oficial de Galicia contén as medidas acordadas polo Centro de Coordinación Operativo coa finalidade de facilitar a diminución na mobilidade da poboación, sen prexuízo de manter un mínimo de servizos que facilite a mobilidade daqueles cidadáns que deban desprazarse tendo en conta as normas de prevención establecidas.

En primeiro lugar, a oferta de servizos de transporte público regular por estrada de titularidade da Xunta deberá limitarse ao 50% do total. Os servizos prestados baixo a modalidade de trasporte baixo demanda manterán a súa oferta íntegra, de forma que se realizarán unicamente cando exista reserva previa por parte de persoas usuarias.

Durante a situación de estado de alarma e ata que se retome a actividade lectiva no ensino obrigatorio, os servizos de transporte público regular de viaxeiros por estrada de titularidade da Xunta prestaranse coas condicións estipuladas para os días “non lectivos”.

A oferta de prazas nos vehículos dispoñibles limitarase á metade da súa capacidade, debendo garantir que non se ocupe máis dun asento da mesma fila, nin asentos contiguos da mesma fila. Nos vehículos con prazas de pé, a ocupación da superficie destinada para estas persoas debera ser, cando menos, dun metro cadrado por viaxeiro.

As empresas prestatarias dos servizos reformularán a oferta de servizos dos seus respectivos contratos para adaptalas ao establecido na orde e para axeitar os horarios de prestación dos servizos ás franxas horarias que garantan que os cidadáns poidan acceder aos seus postos de traballo e aos servizos básicos.

Agás nos casos nos que resulte imposible, as empresas deberán remitir a nova oferta de servizos no prazo máximo de vinte e catro horas dende a publicación da orde e será inmediatamente executiva, reservándose a Xunta a potestade de acordar tanto a reposición de servizos como o establecemento de horarios de obrigado cumprimento.

As empresas concesionarias dos servizos de transporte darán a máxima información aos usuarios sobre a oferta de servizos.

Nos servizos de transporte público regular interurbano de viaxeiros de uso xeral que se desenvolvan nas áreas de transporte metropolitano de Galicia (A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo), utilizarase preferentemente como medio de pagamento a tarxeta de transporte de Galicia (TMG) e as tarxetas equivalentes integradas (TMG Xente Nova, Millenium e Cidadá).

Finalmente, as empresas concesionarias dos servizos de transporte público, e as estacións de autobuses de viaxeiros darán a máxima difusión de todas as pautas que publiquen as autoridades sanitarias e que resulten pertinentes.