A Xunta e a Fegamp reforzan a súa coordinación para manter informados aos concellos sobre o seguimento do coronavirus

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, mantiveron esta tarde unha reunión con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)

O Goberno galego e a Fegamp manterán un diálogo fluído e canles de comunicación constantes para avaliar a situación

Alfonso Rueda destacou a importancia de informar e resolver as dúbidas dos concellos, en tanto que son a administración máis próxima á cidadanía, para contribuír a mellorar a eficacia das medidas que se adopten
 

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, reuníronse esta tarde co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e representantes desta institución, para abordar o seguimento do coronavirus en Galicia e manter aos concellos galegos informados ante esta situación.

A Xunta e os representantes da Fegamp acordaron un diálogo fluído e canles de comunicación constantes para que os concellos estean informados das medidas que o Goberno galego está a impulsar, en coordinación co Ministerio de Sanidade, para conter o contaxio do COVID-19. Desta forma, Alfonso Rueda e Jesús Vázquez Almuíña trasladaron á Fegamp as decisións adoptadas ata agora pola Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus COVID-19 e outras enfermidades emerxentes, que se volveu a reunir esta mesma tarde, e que se suman ás aprobadas tamén na reunión desta mañá do Consello da Xunta co obxectivo de traballar en tódalas frontes e minimizar o impacto do coronavirus.

O vicepresidente da Xunta apelou á colaboración institucional cos concellos, ao igual que se está a manter entre as comunidades e o Goberno central. Por iso, subliñou a necesidade de traballar con coordinación e planificación seguindo sempre as recomendacións das autoridades sanitarias. Nesta liña, aclarou que “moitas das medidas adoptadas inciden directamente nas persoas e os concellos como administración máis próxima á cidadanía teñen que, en moitos casos, implementalas, polo que é preciso facilitarlles información de primeira man e resolverlles as dúbidas que lles xurdan”

Alfonso Rueda insistiu en que é preciso afrontar esta situación “coa máxima coordinación entre as administracións e co coñecemento das actuacións que se leven a cabo” para contribuír a “mellorar a eficacia das medidas que se están a tomar”.

A reunión de hoxe enmárcase dentro dos encontros sectoriais que está a manter o Goberno galego cos diferentes axentes sociais e socioeconómicos para manter unha comunicación activa e permanente sobre o coronavirus. Este encontro coa Fegamp súmase ás que xa se mantiveron con representantes dos ámbitos da educación, o turismo, o deporte, as empresas ou os sindicatos, para trasladarlles as recomendacións sobre o COVID-19 e avaliar a situación de cada sector co obxectivo de traballar desde a prevención.

O Goberno galego é consciente da importancia do traballo conxunto e, por iso, traballa no seguimento desta enfermidade de xeito coordinado, a través dunha Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus COVID-19 e outras enfermidades emerxentes. Este órgano permite a coordinación e impulso das actuacións que se consideren precisas, máis aló do ámbito estritamente sanitario, de maneira que se minimice o impacto social e mesmo económico que poida causar a expansión destas novas enfermidades emerxentes.

Ademais, a Xunta puxo a disposición da cidadanía o teléfono 900 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas que as galegas e galegos teñan ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.
 

Imaxes relacionadas