A Xunta adxudica a redacción do proxecto para dotar de rede de abastecemento o núcleo de San Cristovo, en Paderne de Allariz

O contrato, cun orzamento de 12.000 euros, ten un prazo de execución de tres meses

Trátase de definir un proxecto que permita executar as actuación necesarias para conectar esta poboación ao sistema de abastecemento municipal

Augas de Galicia continúa achegando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto que permita dotar de rede de abastecemento o núcleo de San Cristovo, en Paderne de Allariz.
Este contrato, cun investimento autonómico duns 13.000 euros, foi adxudicado á empresa Ametlam, S.L. Os traballos dispoñen de 3 meses para a súa execución.
Con este contrato Augas de Galicia colabora co Concello ourensán, que contempla a necesidade de conectar o núcleo de San Cristovo ao sistema de abastecemento municipal por medio dunha condución por gravidade de algo máis de 1.2 km de lonxitude, un bombeo coa súa impulsión de 1,2 km de lonxitude, así como un novo depósito e unha última tubaxe de conexión á rede existente de 210 m de lonxitude.
Deste xeito, os traballos contratados por Augas de Galicia consisten en definir ata un nivel de proxecto construtivo a execución destas obras. Para isto está previsto un traballo de análise da problemática a resolver e, para cada caso, a obtención dos datos previos necesarios; para a continuación elaborar a nivel construtivo a alternativa seleccionada.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa achegando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.