A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo esta tarde un encontro neste municipio coruñés

Política Social informa sobre o programa Voluntariado no Camiño á veciñanza de Padrón

Trátase de fomentar a participación de persoas voluntarias no vindeiro Ano Santo

Padrón (A Coruña), 11 de marzo de 2020

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo esta tarde unha reunión informativa sobre o programa Voluntariado no Camiño con veciñas e veciños do concello coruñés de Padrón. A Consellería de Política Social e a de Cultura e Turismo poñen en marcha esta iniciativa para relanzar a participación de persoas voluntarias no vindeiro Ano Santo.

Cristina Pichel, que estivo acompañada do alcalde de Padrón, Antonio Fernández, explicou que, de inicio, este programa se desenvolverá nos Camiños Francés e Portugués, e na Vía da Prata, para despois estenderse a todas as rutas de peregrinación a Compostela.

A anotación neste programa pode realizarse na páxina web de Voluntariado Galego e os participantes levarán a cabo actividades en dous ámbitos de actuación. O primeiro é o do voluntariado cultural, que consiste no acompañamento aos peregrinos para as visitas a igrexas e outros monumentos da zona. E o segundo ámbito é o do voluntariado informativo, que ten por finalidade dar conta aos peregrinos e visitantes sobre aspectos culturais e de servizos que existan no ámbito territorial, como albergues, oficinas de información ou centros de saúde, entre outros.

As persoas voluntarias que participen estarán cubertas pola póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil que ten subscrita a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Ao finalizar a experiencia, esta quedará inscrita no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Difusión da cultura e dos bens patrimoniais

Con Voluntariado no Camiño, a Xunta busca dar a coñecer, por parte das persoas voluntarias, o rico patrimonio artístico e cultural existente ao pé das diferentes rutas do Camiño de Santiago. O obxectivo é favorecer o seu coñecemento de cara ao Xacobeo 2021.

Deste xeito, promoverase a apertura de igrexas e monumentos que reflicten a riqueza do legado histórico e relixioso do Camiño de Santiago, durante a época de maior afluencia de peregrinos ao longo das diferentes rutas a Compostela. A través deste programa tamén se promocionará o patrimonio cultural existente como os castros, cruceiros, lavadoiros ou mámoas, e informará aos peregrinos dos servizos de interese dos que dispoñen na súa andaina, tales como albergues ou puntos de información.