A Xunta destaca a aposta da empresa da Estrada Nudima pola utilización de madeira producida de xeito sustentable

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, acompañou á entidade PEFC Galicia na entrega do certificado de cadea de custodia a esta compañía situada en Berres

Destaca a mellora que representa esta acreditación para a empresa e o avance que implica para a cadea de valor

A Estrada (Pontevedra), 11 de marzo de 2020

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, destacou hoxe a aposta da empresa Nudima de Madera, situada en Berres (A Estrada), pola utilización de madeira producida de xeito sustentable. Lema visitou a compañía, que se dedica á elaboración de produtos promocionais en madeira, con motivo da entrega por parte da responsable da entidade certificadora PEFC Galicia, Elsa Grille, do certificado de cadea de custodia.

Coa certificación da cadea de custodia verifícase que a madeira ou outros produtos forestais utilizados pola industria de transformación proceden de bosques xestionados de acordo a criterios de sustentabilidade.

Durante a visita, Lema destacou tamén o valor engadido que achegan os produtos elaborados por Nudima, abordando proxectos moi diversos nos que non existe a estandarización, e respondendo ás necesidades concretas dos clientes en ámbitos como o soporte publicitario ou o agasallo corporativo.

Entre os obxectivos de Xera está o de incentivar a certificación de procesos e produtos asociados ao monte, e destinados á industria forestal, para acreditar a calidade e sustentabilidade das actividades, e por esta vía aumentar a competitividade das empresas do sector. Precisamente por ese motivo, Ignacio Lema destacou o exemplo de Nudima, tanto pola mellora que representa para a empresa, como polo avance que implica para a cadea de valor.

Imaxes relacionadas