A Xunta licita a redacción do proxecto de execución da nova estación depuradora de augas residuais de Burela

A Plataforma de contratos da Xunta publica hoxe o anuncio de contratación dos traballos, por un importe de preto de 120.000 euros, dispoñendo as empresas interesadas ata o vindeiro día 13 de abril para presentar as súas ofertas

Este contrato vén motivado polas deficiencias detectadas no sistema de depuración e permitirá o deseño construtivo das novas instalacións, incluíndo pretratamento, tratamento biolóxico e desinfección

A nova planta depuradora situarase nunha parcela duns 3.500 m2 nas inmediacións do novo viario de acceso ao Porto

Esta actuación enmárcase nas tarefas que está a impulsar o organismo hidráulico da Xunta en apoio ás competencias municipais en depuración e saneamento

Ao tempo Augas de Galicia está a redactar o proxecto para a mellora do sistema de saneamento, con graves deficiencias pola mala xestión das augas pluviais

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de publicar na Plataforma de contratos da Xunta a licitación do proxecto de construción da nova estación depuradora de augas residuais de Burela, cun investimento de preto de 120.000 euros.

As empresas interesadas en acometer esta actuación poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 13 de abril.

Este contrato vén motivado polas deficiencias detectadas na actual estación depuradora, e consiste na definición do deseño construtivo da nova planta depuradora de Burela.

Deste xeito, os traballos obxecto deste contrato deberán proxectar unha nova instalación que inclúa pretratamento, tratamento biolóxico e desinfección.

A nova planta de tratamento de augas residuais situarase na zona de servizo do porto de Burela, máis en concreto nunha parcela duns 3.500 m2 nas inmediacións do novo viario de acceso ao Porto.

O obxecto deste contrato permite que a redacción do proxecto construtivo, así como a obra posterior, conten con cofinanciación a través do programa europeo FEDER Galicia 2014-2020.

Esta actuación enmárcase nas tarefas que están a impulsarse desde o organismo hidráulico da Xunta para a mellora do sistema de saneamento neste concello lucense, en apoio ás competencias municipais nas materias de depuración e saneamento.

Neste sentido, ademais do proxecto que se redactará co contrato licitado hoxe para a nova depuradora de Burela, e que se corresponde coa fase 2, Augas de Galicia está a redactar o proxecto para a mellora do sistema de saneamento de Burela, fase 1. Trátase do novo colector xeral de Burela.

Mellora do sistema de saneamento no concello

No caso do saneamento, de competencia municipa, o concello conta cunha rede unitaria moi desenvolvida con graves deficiencias produto da mala xestión das augas pluviais. Deste xeito, aínda que ten separado algunhas redes de pluviais e pequenos mananciais e regatos que estaban canalizados pola rede de saneamento, están a producirse desbordamentos na rede polo importante caudal de infiltracións na rede, incluso en períodos secos.

Para resolver esta problemática, o proxecto no que traballa a Xunta prevé a instalación dunha estación de tratamento e bombeo de augas residuais na zona portuaria para concentrar o caudal recollido polos colectores da contorna do Porto e permitir o seu bombeo á nova depuradora de Burela tras un desbaste previo.