A Xunta adxudica as obras de mellora da estrada LU-633, no treito coincidente coa traza do Camiño Francés, en Triacastela

Estas actuacións, cun investimento de case 45.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas cun prazo de 3 meses

Trátase do acondicionamento dun resto de curva da estrada antiga LU-633, á saída de Triacastela e con destino a uso público e de recreo

Os traballos consistirán na rehabilitación do firme da calzada e na instalación dunha barreira de seguridade que protexa a nova zona de lecer con respecto á vía

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora da estrada LU-633, na traza do Camiño Francés, en Triacastela.

Estas actuacións, adxudicadas á empresa OVISA Pavimentos y Obras, S.L.U. por un investimento de case 45.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas cun prazo de 3 meses.

Trátase do acondicionamento dun resto de curva da estrada antiga LU-633, no punto quilométrico 28+000, en Triacastela, xusto á saída da capitalidade do concello, con destino a uso público e de recreo.

Os traballos consistirán en repoñer o firme da calzada, saneándoo e estendendo unha capa de mestura bituminosa en quente.

Tamén se instalará unha barreira de seguridade que protexa a nova zona de lecer con respecto á calzada da estrada autonómica.

A intervención incluirá a nivelación do espazo entre estradas para a súa humanización con zonas verdes e colocación de mobiliario urbano.

O proxecto ten como obxectivo mellorar esta contorna coincidente co paso do Camiño Francés co fin de incrementar a seguridade e comodidade no tránsito dos usuarios da estrada e tamén dos peregrinos.