A conselleira de Política Social participou hoxe nunha mesa redonda organizada por Ategal con motivo do Día Internacional da Muller

Fabiola García destaca os avances conseguidos polas mulleres en todos os ámbitos

Tamén defende o papel protagonista que as mulleres merecen na sociedade

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou os avances conseguidos pola muller en todos os ámbitos e defendeu o papel protagonista que estas merecen na sociedade. Díxoo durante a mesa redonda Historia de mulleres reais organizada pola Asociación Cultural Galega para a Formación Permanente de Adultos (Ategal) con motivo do Día Internacional da Muller.

Fabiola García deu paso a seis alumnas de Ategal que deron conta das súas experiencias vitais e das dificultades ás que tiveron que facer fronte no pasado polo feito de ser mulleres e nas que outras se poden ver reflexadas. Estas foron: Blanca Lago, que contou as súas vivencias en distintos países nos que estivo acompañando ao seu marido embaixador; Manuela Barbeiro, enfermeira; Elena Garrido, xefa de Protocolo do Concello de Santiago de Compostela; Fina Sanín, empregada do fogar; María Victoria, mestra; e Chicha Botana, empresaria.

A conselleira sinalou que as historias destas mulleres son un exemplo do traballo, os esforzos, valores e principios que lles permitiron brillar con luz propia nun tempo e nun mundo de homes. Pese aos avances en materia de igualdade acadados, Fabiola García sinalou que aínda queda camiño por percorrer e apuntou que actos como o de hoxe serven para que ninguén máis silencie a voz das mulleres.

Imaxes relacionadas