A Xunta destaca o compromiso dos comuneiros da Devesa da Rogueira, en Folgoso do Courel, coa xestión sustentable do monte

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou na entrega por parte da entidade FSC da certificación de servizos ecosistémicos do monte, a primeira que se obtén en España e a segunda en Europa

Folgoso do Courel (Lugo), 10 de marzo de 2020

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, destacou hoxe a aposta dos comuneiros da Devesa da Rogueira, situada no concello de Folgoso do Courel (Lugo), pola xestión sustentable do monte. Lema participou na entrega por parte da entidade FSC (Forest Stewardship Council) da certificación de servizos ecosistémicos, a primeira que se obtén en España e a segunda en Europa.

Tal e como destacou o director de Xera, esta certificación valora os elementos básicos para preservar os ecosistemas forestais, como poden ser a auga, o carbono, a biodiversidade, o chan e os servizos recreativos, poñendo en valor os servizos que o monte presta á sociedade.

Esta certificación, que foi xestionada pola consultura galega Asefor, abre a posibilidade de que se poidan ofrecer estes servizos á comunidade e que as grandes empresas fagan investimentos a través da súa Responsabilidade Social Empresarial (RSE), e permite xerar valor nos montes xestionando de forma resilente respectando e incentivando a biodiversidade.

Imaxes relacionadas