Román Rodríguez agradece o compromiso do tecido empresarial co Xacobeo 2021

O conselleiro de Cultura e Turismo participou hoxe en Vigo nun almorzo-coloquio do Círculo de Empresarios de Galicia no que salientou a importancia da iniciativa privada á hora de apoiar este evento

Vigo, 10 de marzo de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, agradeceu o compromiso do tecido empresarial co Xacobeo 2021. Fíxoo hoxe durante un almorzo-coloquio celebrado no Círculo de Empresarios de Galicia no que destacou a importancia da iniciativa privada á hora de apoiar e impulsar este evento.

Neste eido, o responsable de Cultura e Turismo subliñou o papel do sistema de patrocinios ligado a esta celebración. Precisamente, tras a sinatura no día de hoxe dun novo acordo coa empresa Bodegas Galegas e Augas de Sousas, salientou que son xa 10 as empresas que decidiron colaborar neste evento, realizando unha achega superior aos 14 millóns de euros.

Román Rodríguez lembrou que o Xacobeo 2021 é un evento de proxección internacional que permite asociar as distintas empresas a valores como a hospitalidade, a colaboración, ou o intercambio de culturas. Do mesmo xeito, recordou a necesidade de implicar a todos os axentes sociais neste evento, impulsando un Ano Santo de todos que conte coas achegas de toda a sociedade.

Imaxes relacionadas